Por Galicia Confidencial | Madrid | 25/01/2025 | Actualizada ás 10:00
Termatalia Colombia 2025 presentouse en Fitur-Madrid co obxectivo de posicionar a Colombia como un dos grandes destinos termais de América. A cita será do 24 ao 26 de setembro de 2025 na municipalidade termal de Paipa, no departamento colombiano de Boyacá.
Na presentación deste pasado xoves, no standa de Galicia en FITUR-Madrid, acudiron numerosos representantes públicos e privados do sector turístico e termal de España e Colombia, ademais de operadores de turismo e medios de comunicación procedentes de gran parte da trintena de países que cada ano participan nesta feira.
TERMATALIA
Trátase dunha cita consolidada como a principal ponte termal entre Europa e América Latina á vez que contribúe a promocionar internacionalmente o turismo de saúde de Ourense en concreto e de Galicia en xeral. Termatalia é un centro de negocios do turismo de saúde e da industria termal e tamén un foro de formación e capacitación especializada.
No acto interviñeron as seguintes autoridades: o alcalde de Paipa, Germán Camacho; o secretario de Turismo de Boyacá, Richard Puído; o presidente de Balnearios de España e do Instituto para a Calidade Turística e a Sustentabilidade de España (ICTES), Miguel Mirones; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e o deputado provincial de Ourense de Turismo e Termalismo, Rosendo Fernández. Tamén asistiu a esta presentación o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.
O director de Termatalia, Rogelio Martínez, explicou aos asistentes os obxectivos da feira para que comprendesen o interese de Paipa, Boyacá e Colombia por converterse en sede desta cita internacional ineludible para os profesionais do sector. En palabras súas, “esta feira é unha excelente oportunidade para posicionarse como destino de turismo de saúde, sendo o termalismo o principal atractivo ou sendo este un complemento que se combina con outros recursos turísticos como poden ser a natureza ou a gastronomía” e indicou que “Paipa e Boyacá teñen todo o necesario para posicionarse internacionalmente como un dos grandes destinos termais de América Latina”.
COLOMBIA, PAÍS ANFITRIÓN
Colombia é na actualidade uno dos destinos de moda en España que é xa o principal mercado europeo para “o país da Beleza”. Entre xaneiro e outubro de 2024, máis de 131.000 visitantes españois viaxaron a Colombia, un 11% máis que o mesmo período do ano anterior. A celebración de Termatalia en Colombia forma parte da estratexia de Procolombia (Axencia Gobernamental responsable da Promoción Turística deste país) para mostrar ao mundo a riqueza natural e cultural dos seus territorios, a transformación e o traballo que están a facer para promover a Colombia como un destino moi diverso que ofrece experiencias únicas co foco posto sempre na sustentabilidade, xa que é un dos países líderes en turismo responsable.
O turismo de saúde encaixa perfectamente nesta estratexia e Termatalia converterase nunha ferramenta de promoción internacional dos seus recursos termais e das infraestruturas hostaleiras e servizos vinculados a eles.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.