Rueda "escóndese" tras o "ataque directo" do PP ás "familias galegas", sinala o PSdeG

"Onde está Rueda? Como pode gardar silencio mentres Galicia perde 700 millóns de euros?", pregunta o portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2025 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "esconderse" tras o "ataque directo" do Partido Popular ás "familias galegas, á clase traballadora e ás persoas máis vulnerables".

"Non teñen vergoña porque non teñen necesidades", afirmou Torrado nunha rolda de prensa ofrecida este venres en Santiago de Compostela para valorar o rexeitamento do PP no Congreso ao decreto ómnibus que incluía a subida das pensións e as axudas ao transporte público, entre outras medidas.

Torrado acusou ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, e aos seus dirixentes de "desprezo absoluto" polas necesidades da "Galicia real", á vez que lles reprochou estar "completamente desconectados da realidade que afecta a miles de familias galegas".

O portavoz destacou que "a votación en contra do PP terá consecuencias graves e directas para a cidadanía": "Os pensionistas galegos, que xa teñen as pensións máis baixas do Estado, perderán 35 euros ao mes, o que supón 441 euros menos ao ano". Ademais, "as persoas máis novas, especialmente os estudantes e traballadores, veranse gravemente prexudicadas pola eliminación dos abonos de transporte gratuítos", dixo.

Así, puxo como exemplo que un estudante que viaxe regularmente de Santiago a Ourense terá que asumir un custo adicional de 400 euros ao mes, mentres que o traxecto A Coruña-Vigo suporá un gasto engadido de 350 euros mensuais. Mesmo os desprazamentos curtos, como Vilagarcía-Santiago, encareceranse en máis de 200 euros ao mes, algo que considera un "golpe inasumible para moitas familias".

Ademais, conforme sinalou, a supresión destas medidas implica que "miles de fogares perderán o apoio do Ingreso Mínimo Vital, cun recorte estimado de 500 euros ao ano". Este rexeitamento inclúe tamén o abandono das medidas de protección contra os desafiuzamentos, "deixando a moitas familias expostas a perder os seus fogares".

"Por se fose pouco", engadiu que o veto do PP ao decreto "significa que Galicia perderá 700 millóns de euros en financiamento estatal para servizos públicos esenciais".

"ONDE ESTÁ RUEDA?"

"Onde está Rueda? Como pode gardar silencio mentres Galicia perde 700 millóns de euros? Que tamaño de vergoña é necesario para esconderse neste momento crítico?", preguntou Torrado, que destacou a "incoherencia do PP galego", que no pasado clamou contra "calquera suposto agravio a Galicia, pero agora cala ante unha decisión que prexudica directamente aos galegos e galegas".

"Non teñen vergoña porque non coñecen as necesidades. Mentres a cidadanía galega sofre, os dirixentes do PP viven alleos a estas realidades. Non necesitan pensións públicas porque teñen privadas, non usan abonos de transporte porque van en coches oficiais, e os seus fillos non dependen de vivendas ou axudas públicas porque xa teñen garantidas solucións privadas", sentenciou.

O PSdeG apelou a todos os votantes do PP que non comparten as decisións dos seus líderes a "esixir explicacións". "A cidadanía galega merece unha resposta ante este ataque directo aos seus dereitos e ao seu futuro".

Torrado finalizou sinalando que o PSdeG seguirá traballando para defender os intereses da cidadanía galega, porque "Feijóo e o PP deixaron claro que non teñen vergoña porque non teñen necesidades, pero Galicia si as ten". "E non nos imos a cansar na defensa da cidadanía", apuntou.

O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, en rolda de prensa. PSDEG
O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta