Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/01/2025 | Actualizada ás 21:47
Altri e Greenalia, a través de Smarttia, son unlla e carne nos seus negocios en Galicia. Greenalia é a unlla, o socio pequeno pero o dos contactos, e Altri, a carne, o músculo financeiro que quere crecer no país. Ambas as dúas empresas queren consolidar nesta terra un gran lobby empresarial co control de todo o ciclo da madeira e da industria, desde os montes de eucalipto á industria da transformación e produción de enrxía. E é aí onde a megacelulosa que queren facer en Palas de Rei é fundamental nesta estratexia.
E neste marco enténdese os movementos económicos que están tendo lugar nos últimos meses en Greenalia. De feito, a portuguesa Altri acaba de dar un paso estratéxico importante no seu proceso de expansión no país ao asinar un acordo para a adquisición a Smarttia de Greenalia Forest, unha das principais empresas do sector forestal en Galicia, e de Greenalia Logistics. "Esta operación representa un fito significativo para a implementación de proxectos en curso e reflicte o compromiso de Altri co desenvolvemento sustentable e a valorización dos recursos naturais de Galicia", indica a empresa nun comunicado.
Unha compra estratéxica nun momento delicado cando a Xunta estuda, aínda, os informes de avaliación ambiental para a autorización da megacelulosa en Palas de Rei. Con todo, a adquisición desta empresa aínda non está materializada e a empresa recoñece que "está suxeita á verificación dunha serie de condicións previas". A compañía estima que este proceso estará completado a finais do primeiro trimestre de 2025, precisamente, cando tamén se saiba se a Xunta acepta o non o seu megaproxecto en Palas.
A multinacional portuguesa di que, así, quere manter a súa presenza en Galicia e "reafirmar o seu compromiso coa comunidade local e os seus socios", especialmente, en materia de xestión forestal, fundamental, para manter a engranaxe da macrocelulosa que quere instalar na Ulloa.
OPERACIÓN GREENFIBER
Os intereses de Altri e Greenalia son os mesmos desde que ambas as dúas sociedades crearon Greenfiber SL, a empresa responsable do Proxecto Gama, cuxo principal obxectivo é crear a megacelulosa. Aínda que ten forma de sociedade limitada, non deixa de ser unha sociedade instrumental. Os portugueses poñen o 75% do capital e os galegos o 25% restante. Unha porcentaxe que cada vez se reduce máis coa compra, por parte de Altri, dos activos de Greenallia, cuxo principal accionista é Smarttia. Nesta sociedade Altri puxo 17,7 millóns e Greenalia, seis. En total 23,5, a pesar de que piden 250 millóns de fondos Next Generation para realizar o seu proxecto.
Smarttia é o principal accionista de Greenalia e cuxo dono, o multimillonario galego Manuel García Pardo, é unha das primeiras figuras chave para entender esta xogada macroeconómica en Galicia. Aparece con 19 cargos diferentes en 13 empresas diferentes con negocios en plantas fotovoltaicas, eólicas terrestres e mariñas, así como de biomasa. Ademais da megacelulosa de Palas, está detrás da planta de xeración eléctrica con biomasa forestal máis grande do sur de Europa, en Curtis-Teixeiro, e os parques eólicos de Miñón, Alto da Croa e Monte Dourado.
GREENALIA- SMARTTIA
De feito, non son poucos os que cren que detrás da operación na Ulloa está García Pardo tras a reordenación que fixo de Greenalia hai dous anos por mor da opa que obrigou a esta empresa a deixar de cotizar en bolsa. Entón, o CEO da enerxética, que incorporou como apoderado ao Banco Santander, pasou a controlar o 94% de Greenalia a través de Smarttia, mentres que José María Castellano, presidente de Greenalia, o 6% restante.
Entre os cambios realizados, Smarttia absorveu parte das súas súas filiais con negocios moi concretos: Smarttia Real Estate, Smarttia Private Equity e Smarttia Infraestruture. Son empresas con distintos negocios, desde o inmobiliario ao enerxético. Pero a modificación máis relevante é a estatutaria. García cambia o obxecto social da compañía, ampliándoo e pasando a "toda clase de negocios relacionados coa adquisición, administración, participación, subscrición, tenencia, permuta, investimento e alleamento de valores mobiliarios nacionais e estranxeiros, tanto de renda fixa como de renda variable, todo tipo de préstamos e créditos, accións e participacións".
Pouco despois, Smarttia asumía o control de determinadas filiais até ese momento na órbita de Greenalia, entre elas, Greenalia Logistics, peza básica na estrutura empresarial. Precisamente, esta empresa é a que agora pasa a mans de Altri, xunto con Greenalia Forest, a división da empresa encargada do negocio da madeira. Un movemento máis na expansión empresarial de Altri-Smattia para controlar o sector madeireiro e enerxético en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.