Por Galicia Confidencial | Tui | 14/03/2016 | Actualizada ás 09:00
Portugal está a perder millóns de euros en impostos de carburantes, sobre todo, polos centos de condutores que todos os días cruzas a fronteira para encher de carburante os seus vehículos, debido o prezo máis elevado do país veciño.
Por iso, o ministro de Economía de Portugal, Manuel Caldeira Cabral, pediulle aos seus cidadáns que non crucen a fronteira para encher de carburante os seus vehículos xa que o "contexto orzamentario" luso poderase resentir se baixa a recadación tributaria.
"Estamos no contexto orzamentario que é o que é... E hai que traballar con el en todo o país", lembrou Caldeira, en alusión a que unha caída na recadación do imposto poderá contribuír a violar as ríxidas normas de déficit da Unión Europea.
Desde o pasado 12 de febreiro, está en vigor en Portugal un imposto que grava a gasolina e o gasóleo con 6 céntimos por litro, taxa que xerou a protesta do sector dos provedores de combustibles e dos transportes.
Por cada euro de combustible, un 70 % son impostos, segundo portavoces do sector de transportes, que indicaron que en España esa taxa tamén é elevada, aínda que 10 puntos porcentuais menor que en Portugal.
“Ao pór carburante en territorio español moitos portugueses están a pagar impostos en España. Temos que pedir aos portugueses que non o fagan", dixo Caldeira Cabral na canle pública de televisión RTP.
"Preocúpanos a cuestión da competencia na fronteira. Portugal ten condicións fiscais diferentes a España e temos que preocuparnos. Impostos que, no canto de pagarse en Portugal, páganse en España, onde hai unha taxa lixeiramente máis baixa", engadiu o ministro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.