Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2025 | Actualizada ás 11:11
A borrasca 'Herminia' rebaixou os seus efectos en Galicia, aínda que continúan rexistrándose desbordamentos de ríos e mantéñense as afeccións tanto na circulación ferroviaria como no transporte de ría. Nos aeroportos, polo momento, nesta xornada prima a normalidade.
Fontes de Renfe informaron a Europa press que, debido ás condicións meteorolóxicas adversas, foi necesario cortar o tráfico ferroviario nos primeiros trens entre A Coruña e Ferrol en ambos os sentidos. Os usuarios foron trasladados por estrada. As mesmas fontes indicaron que ata o medio día non hai máis circulacións e, nese momento, avaliarase a situación para determinar se continúa cortado o tráfico ferroviario ou se pode retomar. Na liña, a consecuencia dos efectos do temporal producíronse demoras ao longo da mañá nalgúns servizos do Eixo Atlántico, derivadas de incidencias na infraestrutura.
TRANSPORTE DE RÍA
En Vigo, o transporte de ría segue sen estar operativo ao cento por cento. As conexións entre a cidade olívica e o porto de Moaña seguen suspendidas, en principio ata as 14,00 horas deste martes. Mentres, a liña entre Vigo e Cangas comezou a operar ás 10,00 horas (saída desde Cangas en dirección á cidade, e media hora máis tarde será a primeira saída desde Vigo), aínda que o fai cunha frecuencia de media hora, e non de 20 minutos, como é habitual.
REGUEIRO DE INCIDENCIAS
O paso de 'Herminia' pola Península deixou un reguero de incidencias en Galicia, e aínda que a situación mellorou, a inestabilidade continuará nas próximas xornadas con avisos por vento, precipitacións, neve e ondada o martes e o mércores. Para este martes, Meteogalicia espera que o temporal vaia amainando no mar e en terra, pero aínda mantivo nas primeiras horas da xornada o aviso amarelo por refachos que poden superar o 80 km/h.
Así mesmo, espérase neve en cotas baixas (por encima dos 800 metros) en varias zonas de Galicia, con acumulacións superiores aos 10 centímetros na montaña de Lugo e Ourense. Por ondada, nas primeiras horas do día, mantivo a alerta vermella no litoral do noroeste da Coruña, na Costa da Morte e nas Rías Baixas (por ondas de 8 a 9 metros). Posteriormente, ao longo da xornada, espérase que a situación mellore, aínda que as distintas zonas da costa galega seguirán en alerta laranxa ou amarela por ondada.
INUNDACIÓNS
Así, desde o pasado sábado, a Xunta mantén activo o 'Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal) de seguimento do nivel de ríos debido a posibles desbordamentos puntuais nos seus cursos. Segundo os últimos datos facilitados por Augas de Galicia, nestes momentos rexístranse niveis superiores aos límites de seguimento fixados no Dubra, Tamuxe (O Rosal), Landra (Insua, en Vilalba), Anllóns (Ponteceso), Tambre (Oroso), Lérez (Pontevedra), Landro (Viveiro), e Mandeo (Betanzos). Idéntica situación dáse no Masma (Mondoñedo), Verdugo (Ponte Caldelas), Ouro (Foz), Umia (Caldas de Reis) e Arnoia (Allariz). Fontes municipais confirmaron, así mesmo, a Europa Press que o Tambre desbordou en varios puntos en Oroso, aínda que a situación está controlada.
NOVA BORRASCA
Xa o mércores, o instituto meteorolóxico autonómico informa de que unha nova borrasca chegará á comunidade. Así, haberá aviso amarelo por refachos de vento superiores aos 70-80 km/h en distintas zonas da Coruña e Pontevedra entre as 00,00 horas e as 15,00 horas. O nivel de alerta será tamén amarelo para precipitacións e neve, mentres que o aviso será laranxa por vento no mar e ondada no litoral galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.