Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2025 | Actualizada ás 14:50
A 'Estratexia Galega de Saúde 2030', aprobada pola Xunta a finais de 2023, contará cun total de dez indicadores que a Consellería de Sanidade empregará para autoavaliarse ano a ano. Entre eles, están as listas de espera para unha primeira consulta cun especialista, a satisfacción cidadá co Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as baixas de persoal. Este martes, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ofreceu unha rolda de prensa acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, non só para explicar o método de avaliación, senón tamén para presentar o informe correspondente a 2024, que é o "documento de partida" para mellorar os parámetros cara ao final da década.
A estratexia, en palabras de Gómez Caamaño, busca "transformar e impulsar" o sistema sanitario público con cinco "obxectivos claros" para 2030: mellorar o benestar e a satisfacción da cidadanía co Sergas; garantir a accesibilidade, eficiencia e calidade do servizo; impulsar un modelo de atención integral baseado en prevención e en proactividade; velar polo coidado e a motivación dos profesionais; e construír un sistema de innovación virtuoso.
Dentro de cada un deles, establecéronse dous medidores (dez en total) para avanzar cara a eses "estándares" desexados para 2030. A situación inicial é "boa", segundo asegurou o conselleiro a preguntas dos medios, porque o Sergas é xa "un bo sistema de saúde público". Iso non quita, dixo a continuación, que sexa "mellorable" nalgúns aspectos como as listas de espera e a atención aos pacientes, segundo dous exemplos que mencionou. En calquera caso, Gómez Caamaño prometeu que o seu departamento traballará en conseguir os obxectivos da estratexia e en "ser transparentes" durante o proceso.
O 58 % DA POBOACIÓN, "SATISFEITA" CO SERGAS
En canto ao primeiro obxectivo (mellorar a satisfacción da cidadanía co sistema), a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria celebrou que, en base á enquisa do Ministerio de Sanidade de 2023, o 58,2 % da poboación galega está "satisfeita" ou "moi satisfeita" co Sergas, "por enriba da media nacional" do 56,7 %, e a vontade é continuar superando o valor estatal cara ao final da década. O outro medidor dentro do primeiro obxectivo é subir a unha nota de 7, nunha escala do 1 ao 10, na autopercepción da saúde por parte dos cidadáns de cara a 2030. Este valor sitúase agora nun 6,25.
Dentro do segundo obxectivo (accesibilidade e calidade), a Consellería de Sanidade medirá os tempos de espera para unha primeira consulta cun especialista (a mediados de 2024, era de 71,6 días, 28 menos que a media estatal) e a taxa de reingreso dos pacientes, que agora está en torno ao 9 % e que confía en que, para 2030, sexa "menor do 8,5 %". No terceiro obxectivo (prevención e proactividade), analizaranse as taxas de participación na campaña de vacinación contra a gripe, que xa está en niveis "altos"; e nos cribados de cancro de cérvix, para os que se están chamando ao 38 % das mulleres (224.332) co reto de elevar esta porcentaxe ao 98 % ao final da década.
BAIXAS DO PERSOAL NO 12 %
No que respecta ao benestar dos traballadores, cuarto obxectivo, Sanidade medirá as incapacidades temporais e velará por que a porcentaxe siga estando por baixo da media galega cara a 2030. Os anos da crise covid supuxeron un incremento nas baixas entre o persoal (contan só as de fatiga física e emocional), pero actualmente está situado nun 12 % cando na poboación xeral está no 14 %. Así mesmo, faranse enquisas de satisfacción entre o persoal. A última, impulsada pola Dirección Xeral de Recursos Humanos, arroxou que "o 76,92 %" dos profesionais do Sergas "reciben apoio sempre, a maior parte das veces ou algunhas veces" por parte da administración. A intención é "mellorar progresivamente" este dato nos próximos anos.
En canto ao quinto e último obxectivo (investigación e innovación), Sanidade quere que Galicia se manteña "todos os anos ata 2030" entre as seis autonomías que captan maiores fondos europeos e que se aumente o montante a 7 millóns ao final da década. En compra pública innovadora, anualmente estanse dedicado uns 2 millóns, unha contía que a Consellería espera manter. Xunto a todo iso, o informe relativo á 'Estratexia Galega de Saúde 2030' sinala como dúas ferramentas crave o sistema 'Ianus5' de historia clínica electrónica e o proxecto investigador 'Xenoma', que busca definir o perfil xenético dos galegos para avanzar en prevención e personalización dos tratamentos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.