GC Aberto

Cando a privatización nos priva da saúde

A sanidade pública en Galicia está a sufrir un desmantelamento gradual e alarmante, en gran parte debido á privatización e á externalización de servizos. A tendencia de derivar fondos á sanidade privada está provocando un aumento das listas de espera e unha sobrecarga asistencial, afectando directamente á calidade do servizo público.

Por admin | Vigo | 10/02/2025

Comparte esta noticia

Mari Camiña, Responsable da área de Sanidade de Podemos Galicia

Imaxe da manifestación pola Sanidade Pública.. ADRAIN IRAGO-EUROPA PRESS
Imaxe da manifestación pola Sanidade Pública.. ADRAIN IRAGO-EUROPA PRESS

A saúde, que debera ser un dereito universal para todos e todas, estase a converter nun privilexio para quen pode costearse consultas ou probas diagnósticas na privada.

O exemplo máis claro do impacto negativo desta privatización é a crise nas listas de espera. Anos de recortes e concertos con clínicas privadas están a desbordar o sistema público. A Asociación Defensor del Paciente recolleu, en Galicia, 746 casos de neglixencia médico-sanitaria en 2024, un aumento de máis do 12,7% en comparación co ano anterior. Esta cifra reflicte a súa gravidade: a mala praxe médica, a demora nos diagnósticos e a perda de oportunidade terapéutica están a costar vidas humanas. De feito, 48 persoas faleceron supostamente por erros médicos, un número desgarrador que revela as consecuencias de recortar na sanidade pública en favor do lucro privado.

Este escenario está a afectar a todas as áreas da sanidade pública. A atención nas Urxencias é un dos puntos máis críticos: os servizos están saturados, o persoal esgotado e as condicións de traballo mellorables, pero tamén as de atención aos pacientes. O colapso dos hospitais e o aumento das queixas son sinais evidentes de que a xestión levada a cabo polo PP está a fracasar. Moitos galegos e galegas, desesperadas pola lentitude da sanidade pública, non teñen outra opción que recurrir á privada para conseguir unha atención máis rápida, algo que, por suposto, non está ao alcance de todos os petos.

Neste contexto, a Xunta de Galicia está a cometer un erro grave ao seguir metendo cartos públicos nas arcas das grandes multinacionais sanitarias como Quirón Saúde ou Meridiam, que se benefician de concertos públicos de millóns de euros mentres o sistema público está ao borde do colapso. Hospitais como o de Povisa ou o Álvaro Cunqueiro reciben sumas millonarias, mentres que os hospitais públicos loitan por manterse a flote, sen recursos suficientes e cun número de camas e quirófanos que non responde ás necesidades reais da poboación.

Porén, a privatización non só afecta aos hospitais. A escaseza de profesionais, en especial nas áreas de medicina familiar, enfermaría e pediatría, está a forzar que moitos centros de saúde non poidan ofrecer os servizos básicos. A crise de ambulancias tamén está a ter consecuencias fatídicas, como demostran as mortes rexistradas por non chegar a tempo en localidades como Moaña ou A Estrada. A falta de prazas en residencias de maiores e a desatención aos enfermos mentais son outras das consecuencias desta política errónea.

Tanto a Xunta de Galicia como Goberno central parecen ignorar a gravidade da situación. Mentres a ministra de Sanidade, Mónica García, permanece sen tomar medidas concretas lamentándose polas decisións do Goberno como se non formase parte do mesmo, o sistema sanitario segue deteriorándose. E o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, segue a privatizar e externalizar servizos en vez de reforzar a sanidade pública. A falla de coordinación e os recortes no orzamento sanitario están a evidenciar unha Administración que non está disposta a priorizar a saúde pública, pero que, sen embargo, destina grandes cantidades de diñeiro a empresas privadas.

É fundamental que a sociedade se decate de que o modelo sanitario privatizado non só está a esnaquizar a sanidade pública, senón tamén a minar os dereitos dos cidadáns. A privatización da saúde non só favorece aos intereses económicos das grandes multinacionais, senón que tamén pon en risco a calidade e a equidade dos servizos sanitarios. A saúde debe ser un dereito para todas as persoas, independentemente da súa capacidade económica, e non un privilexio para quen pode pagar.

A situación actual require dunha resposta contundente e dunha reforma real do sistema sanitario, que aposte pola súa consolidación e mellora, garantindo que todos os cidadáns teñan acceso á atención que precisan e merecen. O futuro da sanidade pública está en xogo, e é hora de priorizar o benestar das persoas fronte aos intereses privados que están a poñer en perigo o sistema.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Esquecín enviar a ligazón á Manifestación 2018 (pasaron 7 anos e seguimos igual ou peor) ? https://youtu.be/e85k0DfROJk

1 Gamela

Gostaríame saber que foi dos 21 Xefes de Servizo demisionarios en 2018 en Vigo ? https://youtu.be/e85k0DfROJk Xogaron a súa carreira profesional e foron sustituidos en meses sen que ninguén chamase esquiroles aos novos ocupantes das prazas da xefatura de servizo (?) Non creo que repetindo mil veces o mesmo mantra teñamos mellor asistencia médica pública (nin privada) Das 746 neglixencias médicas, das que falas, cantas se produciron no sistema público e cantas foron na Sanidade Privada ?