Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 06/02/2025 | Actualizada ás 21:09
O sector ferroviario do sindicato CXT denunciou este xoves que a avaría dun dos computadores de venda e formalización de billetes está a ocasionar que haxa "longas colas" nos despachos de billetes da estación de tren de Pontevedra, ao quedar en servizo un único terminal de venda.
Nun comunicado, explicou que, a pesar de existir máquinas automáticas expendedoras de billetes, estas non asumen a demanda de atención presencial que reclaman as persoas usuarias do ferrocarril, que ven como para facer unha das habituais operacións de compra dun billete de tren, formalización dun abono recorrente, reclamación dunha indemnización por atraso, ou outra incidencia, teñen que esperar "longas colas".
A incidencia no terminal informático avariado, sinala CXT, "mantense desde o pasado 31 de xaneiro sen que os técnicos de Renfe acudisen á súa reparación, a pesar dos informes que o persoal que atende a venda de billetes realizaron de forma continuada á súa xefatura".
CXT advirte que non entende como unha estación como a de Pontevedra, unha das que soporta máis operacións por terminal de venda de toda Galicia xa que conta con tan só dous postos presenciais de venda e atención ao cliente, "non ten unha prioridade na resolución destas incidencias que provocan molestias ás persoas usuarias do ferrocarril".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.