Cargos do Sergas e médicos, xuntos para rexeitar o estatuto marco do Ministerio de Sanidade

Piden un propio para a súa profesión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2025 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

Centos de médicos concentráronse este luns, ás 11.00 horas, ás portas dos hospitais galegos e dalgúns centros de saúde non só para mostrar o seu rexeitamento ao anteproxecto de estatuto marco de profesionais que propón o Ministerio de Sanidad, senón tamén para reclamar un propio separado. Os principais sindicatos de médicos en Galicia destacan a concorrencia destas concentracións, que mesmo no Pontevedra contou coa participación do xerente da área sanitaria, José Flores. A convocatoria galega secundou outras similares no resto do territorio estatal.

Concentración de médicos ante o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para reclamar un estatuto propio.
Concentración de médicos ante o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para reclamar un estatuto propio. | Fonte: Europa Press

Aínda que as protestas "non foron multitudinarias", en palabras do secretario xeral do Sindicato Médico de Galicia (Simega-CESM), Enrique Marra-López, "isto é unha carreira de fondo da que hoxe se deu a saída", porque non cre que o texto acabe aprobado nesta lexislatura. O que reclaman os facultativos é que o Goberno central "non siga este guión" do borrador xa presentado e aprobe "un estatuto marco para o médico", algo que xa existía "antes de 2003".

"Estamos a sufrir cada vez máis as consecuencias, estamos a perder capacidade de liderado e de decisión, córtannos as nosas capacidades", asegura Marra-López a Europa Press. Neste contexto, Simega coincide con outros colectivos, incluídos os colexios oficiais de médicos, en que deberían ter unha clasificación profesional superior na escala de emprego público --un 'A1+', tal e como propoñen-- ao resto de sanitarios graduados universitarios.

"REGULAR" AS HORAS ANUAIS

Por parte do sindicato médico O'Mega, o seu presidente, Manuel Rodríguez, insiste en que teñen "unha situación laboral totalmente diferente ao resto de sanitarios". Ademais, máis aló da "recualificación" dentro do grupo A1+, pide "regular" aspectos de condicións laborais, como establecer "un máximo de horas ao ano e ao mes". Ademais, Rodríguez esixe que as horas a maiores, que xeralmente se realizan "de maneira obrigatoria", poidan contabilizarse para a xubilación.

Tampouco concordan, nin CESM nin O'Mega, en esixir a exclusividade nin aos xefes de servizo nin aos médicos que terminan a súa formación especializada, porque o consideran "unha maneira de esclavizar" que non axudará a solucionar que queiran traballar no sistema sanitario público. Sobre a postura da Consellería de Sanidade, O'Mega recoñece que por agora é un asunto do Ministerio, porque o estatuto é "unha base" que logo as autonomías poderán ampliar.

De todos os xeitos, Manuel Rodríguez cre que a Consellería de Sanidade "bota balóns fóra" porque asuntos que os sindicatos reclaman, como a regulación da xornada, "pódelle ir na súa contra".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta