Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/02/2025 | Actualizada ás 09:00
O presidente do Consello Regulador, e recén nomeado presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, propúxolle a Xosé Merelles, titular de Turismo de Galicia, diferentes actividades que, segundo comentou, resultaron “moi ben acollidas, de feito temos o seu compromiso de facer o posible para poñelas en marcha”.
Pola súa banda, Mereles lembrou a aposta da Xunta polo territorio referindo o millón e medio de euros destinados ao plan de sostibilidade turística en destino que está en marcha na comarca e que contempla actuacións específicas en materia de dixitalización e impulso desta ruta do viño. Ademais, Merelles lembrou o feito de que distintas adegas incluídas nesta entidade recibiron axudas da Xunta na convocatoria de proxectos turísticos de enogastonomía por importe de case 400.000 euros.
ACTIVIDADES DA RUTA DO VIÑO DE VALDEORRAS
No que respecta a actividades que se desenvolven dende a entidade Ruta do Viño de Valdeorras o director de Turismo referiuse a produtos como a ‘Primavera de Portas Abertas’, incluídos na estratexia do seu departamento ata 2030, e que cada ano está a incrementar o número de participantes cunha gran acollida na zona.
Así mesmo lembrou a colaboración na organización cada ano da BTT Ruta do Viño, unha proba deportiva que discorre polos concellos que forman parte da D.O. Valdeorras e que ten coma finalidade fomentar o enoturismo ao tempo que se coñecen outros valores turísticos da zona como son a paisaxe, a natureza e a cultura.
OUTROS EVENTOS
Ademais do anterior, tamén se repasaron outros eventos que potencian o atractivo turístico como son a Bacofesta (A Rúa), a Feira do Viño de Valdeorras (O Barco) ou as festas das Covas en Vilamartín de Valdeorras e Seadur (Larouco).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.