Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/02/2025 | Actualizada ás 11:23
A Sala do Civil e Penal do TSXG ratifica a condena de trece anos e medio de prisión imposta pola sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense a un profesor por abusar sexualmente, e de maneira continuada, dunha alumna desde que ela tiña 12 anos. Ademais, segundo recolle a sentenza, o acusado estableceu conversación coa vítima a través dunha rede social usando un alias para que lle enviara fotografías e vídeos íntimos.
O alto tribunal galego rexeitou o recurso de apelación da defensa do acusado tendo en conta a declaración da vítima, destacando "a sólida e categórica persistencia na incriminación” do recorrente, as testemuñas doutras alumnas e os informes forenses. O tribunal asegurou que “o acusado era perfectamente coñecedor da fraxilidade emocional da vítima”, e, aproveitando esas circunstancias, “presentouse como unha figura de referencia e apoio”.
Ademais, incidiu en que o home tiña 45 anos no momento dos feitos e, polo tanto, “ostentaba unha posición de superioridade derivada da diferenza de idade, da súa condición de docente e do ascendente que exercía” sobre a menor.
OUTRO XUÍZO EN VIGO
Por outra banda, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulga este mércores a un acusado de agredir sexualmente a unha menor de 16 anos de idade, para o cal Fiscalía solicita 5 anos de cárcere. A vista levouse a cabo esta mañá a porta pechada na Cidade da Xustiza de Vigo por uns feitos ocorridos en decembro de 2022 no domicilio familiar.
Ademais de 5 anos de prisión, o Ministerio Fiscal pide a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante 7 anos, ademais de liberdade vixiada por 5 anos tras a condena de cárcere.
Tamén solicita a pena de privación da patria potestade ou de inhabilitación especial para o exercicio dos dereitos da patria potestade, tutela, curatela, garda ou acollemento, por tempo de 5 anos e a pena de inhabilitación especial para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídos, que leve contacto regular e directo con persoas menores de idade por tempo de 10 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.