Por Galicia Confidencial | Allariz | 15/02/2025 | Actualizada ás 10:00
O Concello de Allariz vai poñer en valor a contorna do seu Castelo incluíndo o proxecto denominado 'Monte Castelo' dentro do Plan de Sostibilidade Turística, plan que permite dotar de recursos económicos a varias actuacións no municipio. Esta intervención contempla a recuperación dos accesos ao castelo, mellorando os camiños existentes desde diferentes puntos de Allariz, como o cemiterio, Vilanova e a Casa da Cultura. Ademais, abrirase un novo acceso desde a Praza Maior a través da Casa da Paneira, adquirida polo Concello, facilitando unha conexión directa co Castelo.
As obras xa comezaron coa limpeza da zona, incluíndo o desbroce da vexetación e a retirada de árbores que cubrían os restos da fortaleza. Nunha segunda fase, realizarase unha intervención arqueolóxica liderada pola Universidade de Vigo, que incluirá unha limpeza manual dos elementos estruturais conservados, levantamentos tridimensionais con dron e fotogrametría terrestre, así como a análise de documentación histórica para reconstruír virtualmente o castelo.
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, presentou días atrás o proxecto acompañada polos concelleiros de Cultura, Promoción Económica e Educación, Alberto Conde, María López e Maribel Poisa. Así mesmo, tamén asistiu ao acto o aparellador municipal, Tino Feijóo, en representación da Oficina de Urbanismo.
Cristina Cid considera que “esta intervención será clave para recuperar un espazo de gran valor patrimonial e histórico, achegando unha nova ruta interpretativa que seguirá pondo en valor a historia medieval de Allariz. Ademais, instalaranse paneis informativos para ofrecer unha visión didáctica e divulgativa do castelo e da súa evolución ao longo dos séculos".
O arqueólogo Adolfo Fernández, da Universidade de Vigo, destacou que esta investigación permitirá esclarecer definitivamente a localización e estrutura do castelo, cuxa existencia foi obxecto de diversas especulacións ao longo dos anos. O obxectivo final é crear unha recreación en 3D do castelo en dúas épocas históricas: a Idade Media (séculos XI-XII) e a Idade Moderna, cando a fortaleza xa fora reutilizada con outros usos.
Na web do concello poden verse ao detalle as diferentes fases do proxecto de recuperación e investigación do Castelo de Allariz. Os traballos prolongaranse durante os vindeiros meses, e espérase que a principios do verán se poidan ver os primeiros resultados desta ambiciosa iniciativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.