Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/02/2025 | Actualizada ás 16:37
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, acusou este venres ao Partido Popular de Galicia de centrarse en celebracións en vez de afrontar os problemas estruturais da comunidade. As súas declaracións prodúcense na véspera do acto organizado polo PPdeG en Santiago para conmemorar o primeiro aniversario da súa vitoria electoral nas autonómicas.
Durante a súa intervención, Torrado sinalou que, mentres o PPdeG organiza festexos, os galegos seguen sufrindo problemas na sanidade, vivenda e economía. "Menos samba e máis traballar", afirmou, lamentando a falta de medidas ante "listas de espera interminables, un sistema sanitario en crise e unha economía que avanza máis lenta que no resto do Estado".
O socialista fixo especial fincapé na situación da sanidade pública, denunciando a "falta de profesionais" e os episodios de trato inhumano en centros privados que traballan con prazas concertadas coa Xunta. "Que ten que celebrar o PP cando os sanitarios están desbordados e a xestión segue sen solucións?", preguntou.
Ademais, cargou contra o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao que acusou de "banalizar a situación" en vez de adoptar medidas concretas. "Os galegos merecen un goberno que se tome en serio os seus problemas", engadiu.
No ámbito económico, Torrado criticou que Galicia creza a un ritmo inferior ao do conxunto de España e que a caída do desemprego na comunidade sexa menor que a media estatal. "Estamos a perder oportunidades e os galegos pagan as consecuencias", afirmou.
Por outra banda, preguntado polas declaracións das Xuventudes Socialistas, que demandaron un "cambio xeracional" no PSdeG, Torrado defendeu que "o importante non é a idade, senón a capacidade de transformar a realidade".
Desde o PPdeG, o portavoz parlamentario Alberto Pazos respondeu ás críticas asegurando que entenden o "malestar" do PSdeG polos resultados electorais. "Levamos 365 días gobernando e cumprindo compromisos. Tras un ano de traballo, ben podemos dedicar unhas horas a agradecer a confianza dos galegos", afirmou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.