Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2025 | Actualizada ás 14:04
O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, pronunciouse este venres sobre as mocións de censura presentadas contra os gobernos de Outes e Viveiro.
En primeiro lugar, no caso de Outes, onde a moción está impulsada polo PP co apoio do que era o único concelleiro do PSOE na localidade, o portavoz da Executiva do PSdeG deixou claro que a formación non comparte esta decisión, que sostivo que é "persoal" do concelleiro que xa foi expulsado do PSOE.
"Veremos ata que punto é legal ou non o que este concelleiro vai facer", afirmou Torrado, que se mostrou convencido de que a expulsión provisional do edil acabará sendo definitiva pola súa actitude.
Ademais, con respecto ao municipio lucense, onde o PP impulsa unha moción de censura xunto a Por Viveiro contra a alcaldesa socialista María Loureiro, Torrado asegurou que o partido independente está a ter "moitísimas baixas" pola decisión e emprazou aos seus integrantes a "reflexionar".
E é que, segundo indicou, pasarán de formar parte "dun goberno de progreso" que aínda que "recoñecendo as dificultades" protagonizou "o avance" do municipio "durante moitos anos", a formar parte de "un proxecto personalista, de compra de vontades que vai acabar con eles fóra da vida política". "Porque iso é o que fai o PP con todos aqueles partidos aos que lle fai unha OPA, sedúceos e logo fainos desaparecer", afirmou.
Aínda que sinalou que a moción de censura é "legal", Torrado considerou que "non parece moi lexítima". "Non creo que a xente votase a por Viveiro para que chegase a un goberno co PP", afirmou
Por último, puxo en valor o traballo realizado todos estes anos pola socialista María Loureiro, "unha persoa moi valorada en todo o PSOE e que cremos que está a facer un gran traballo".
"O PP é moi coñecido por ir cambiando vontades de xente que está disposta a cambiar as súas vontades. A xente de negocios sempre se entende", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.