Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2025 | Actualizada ás 16:40
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, criticou este venres a reforma da lei de dependencia aprobada polo Consello de Ministros, asegurando que suporá un "incremento considerable" da débeda do Estado con Galicia, que cifra en máis de 2.500 millóns de euros.
Durante a súa intervención na Cámara galega, Pazos reclamou que o Goberno central "adapte a súa achega aos novos servizos" que a modificación da norma obriga a prestar, tanto ás comunidades autónomas como aos concellos. O popular lembrou que o Parlamento de Galicia aprobou esta semana unha proposición non de lei que insta ao Executivo estatal a cubrir o 50 % do custo da atención aos dependentes, compromiso que, segundo indicou, "non está a cumprir".
"Cantas horas do servizo de axuda no fogar poderiamos financiar nos concellos con este diñeiro? Cantas prazas de centros de día e casas do maior poderiamos poñer en marcha en toda Galicia?", cuestionou o portavoz do PPdeG.
O popular reprochou que o Goberno de Pedro Sánchez aprobe unha reforma que obriga ás administracións locais e autonómicas a asumir máis servizos sen o correspondente financiamento. "O Estado ponse de perfil e traslada a carga ás comunidades e aos concellos sen os recursos necesarios", afirmou.
Pazos destacou que, a pesar de que algúns cambios na lei foron impulsados pola propia Xunta, a ausencia dunha garantía financeira supón un risco para a sustentabilidade do sistema de dependencia. "O resultado será un incremento da xa preocupante débeda do Estado con Galicia en materia de servizos sociais", advertiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.