Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 17/02/2025 | Actualizada ás 14:20
Un incendio nun cadro eléctrico provocou o peche temporal das oficinas do Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) na rúa Gagos de Mendoza de Pontevedra. O suceso tivo lugar este luns minutos antes das 09.00 horas da mañá e obrigou a que o persoal abandonase as instalacións, cancelando as 160 citas previstas.
Os traballadores desta oficina decatáronse dun leve cheiro a fume ao chegar aos seus postos de traballo e, ao detectar que unha das fases da instalación eléctrica non funcionaba, decidiron evacuar o local como medida de precaución. Poucos minutos despois, un cadro eléctrico anexo á oficina, situado na porta de acceso dos empregados, comezou a arder.
Non foi preciso desaloxar aos veciños do edificio, xa que o incendio quedou confinado á área do cadro eléctrico. Os Bombeiros de Pontevedra e a Policía Local acudiron á zona. Tras extinguir as chamas, os efectivos de emerxencia utilizaron ventiladores para disipar o fume acumulado no interior. Mentres se desenvolveu esta intervención permaneceu cortada temporalmente a circulación de tráfico entre Gagos de Mendoza e en Rosalía de Castro, desviando os axentes municipais aos vehículos.
A Dirección Provincial da Seguridade Social contactou mediante unha mensaxe SMS coas 160 persoas que tiñan citas programadas para este luns, informándolles do seu adiamento. Segundo confirmaron desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, nun principio estaba previsto que se aprazasen as visitas de mañá martes, pero finalmente todo quedou reparado, polo que se retomará a actividade con normalidade este martes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.