Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/02/2025 | Actualizada ás 15:13
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tentou esquivar este luns a polémica sobre o permiso pedido pola parella de Feijóo, Eva Cárdenas ao Servicio de Costas de Pontevedra, dependente por agora do Ministerio de Transición Ecológica, dunha concesión hasta 2037 da parcela pública que dá acceso directo á praia de O Con, en Moaña, desde o seu chalé, situado en primeira liña de costa. Unha petición polémica xa que, precisamente, a Xunta está pendente de recibir nas vindeiras semanas as competencias en Costa, polo que sería esta administración, da que foi presidente o actual líder do PP, a que tería que resolver esta petición.
"Se é cuestión nosa --a competencia--, teño que dicir que todos serán tratados igual e resolvaremos conforme a dereito, sexa quen sexa quen faga as obras", respondeu Rueda ao ser preguntado ao respecto na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns. Con todo, quixo aclarar que, polo momento, descoñece se será a Xunta a entidade que tramite, finalmente, este permiso, xa que a transferencia desta competencia "vai máis lento do que quixeramos".
"Faime gracia que, sen coñecer a normativa, os de sempre xa presenten algunhas alegacións por sistema a este permiso. Non coñezo a solicitude, nin sei se por calendario teremos que tramitala nós", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.