Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/02/2025 | Actualizada ás 18:37
O memorial ás 90 vítimas da represión franquista enterradas no cemiterio de San Breixo, en Celanova, será inaugurado este domingo, cun acto institucional no que participarán, entre outros, membros do goberno local, o delegado do Goberno en Galicia, membros do Comité de Memoría Histórica da Comarca de Celanova, investigadores e familiares das vítimas. O monumento está formado por un pau de ferro que sostén dúas placas de aceiro cos nomes dos represaliados e o lema 'En recordo das vítimas da represión fascista entre 1936 e 1943 soterradas neste cemiterio'.
O memorial elévase sobre a lápida dunha sepultura que rende homenaxe ás vítimas da comarca e a columna está rematada por dúas pombas. O deseño é obra do artista plástico celanovés Baldomero Moeiras. Os actos do domingo consistirán nunha recepción institucional por parte do Concello de Celanova ás familias e a representantes das institucións, entre elas, da Dirección Xeral de Memoria Democrática de Asturias. A continuación procederase ao descubrimento do memorial e do monumento da exhumación, que instalará o equipo de Histagra, coordinador do Plan Cuadrienal da Memoria Democrática Galicia 2021-2024, e que acometeu a intervención na chamada 'fosa dos asturianos'.
Aos actos asistirán unha ducia de familias das vítimas, que foron localizadas polo Comité de Memoria Histórica. Trátase de 5 familias de Asturias (dado que a maioría do continxente de presos e tamén dos falecidos ou asasinados no cárcere eran asturianos), dúas familias de Castela e León, dúas familias de Madrid, unha de Castela A Mancha, unha de Andalucía, outra de Estremadura e unha familia de Monforte de Lemos (Lugo). Estes actos foron presentados este mércores polo alcalde de Celanova, Antonio Puga, xunto a outros responsables municipais e xunto a familiares de represaliados. O rexedor agradeceu ás familias a constancia na procura dos restos dos seus achegados, así como o labor do Comité.
O rexedor tamén confirmou que o 24 de febreiro participará en Xixón na entrega dos restos de Baldomero Vigil-Escalera á súa familia. Vigil-Escalera foi o terceiro dos fusilados en setembro de 1939 contra os muros do cemiterio e foi enterrado nunha fosa común. A súa identificación foi posible grazas ás probas de ADN e ao traballo conxunto do Imelga e o Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro. Na lista de vítimas do memorial figuran os nomes de sete galegos: os irmáns Manuel e Emilio Fuentes Canal (detidos en Ourense en xullo de 1936 e asasinados en Celanova en agosto), Benito Bello Fernández (falecido en 1938 na prisión), Manuel Faría (cidadán portugués veciño de Luíntra, e falecido en 1938 na prisión), Domingo Mantilla González (falecido en 1939 na prisión), Enrique Senra (falecido na prisión en 1941), e o guerrilleiro e militante do PC, Ramón Yáñez Pereira (asasinado en xullo de 1943).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.