Entroidos que volven á vida: Carguizoi, en Maceda, co Felo, o Fiadeiro e o recentemente recuperado Reinado

O GC continúa a semana grande do Entroido coñecendo as figuras do Entroido de Carguizoi da man de Manuel, o 'alcalde' da aldea, así nomeado de broma polos veciños, que nos conta as novidades deste ano, no que ademais de Felo e Fiadeiro houbo tamén a representación do Reinado.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 28/02/2025 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

Cando pensamos en Entroido de seguida se nos veñen á cabeza os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín ou as pantallas de Xinzo de Limia como os principais expoñentes dunha celebración que ten unhas raíces moi fondas na nosa terra, entrelazadas coas festividades pagás precristiás e as festas medievais europeas. Sen embargo, e por desgraza, non todos os Entroidos tradicionais se conservaron no tempo, habendo algúns que desapareceron por diversos motivos. Con todo, son moitas as asociacións culturais que nos últimos anos loitaron pola recuperación das celebracións das súas respectivas parroquias e aldeas e que volveron poñer en valor a festa dos seus antergos, como un elemento máis do patrimonio inmaterial galego digno de preservar e de valorizar. Dende o Galicia Confidencial, despois de ter falado xa dos Entroidos de Budián (Pantón) --cos seus Brancos e o seu Farranquí--, Salcedo (A Pobra do Brollón) --co seu Oso e os recén recuperados Disfraces de Campo-- e Mugares (Toén) --cos seus Mazarucos--, achegámonos hoxe ao Entroido de Carguizoi, na parroquia de Tioira, pertencente ao concello ourensán de Maceda, onde ao popular Fiadeiro para celebrar a chegada do Felo á aldea sumouse este ano a recuperación da celebración do Reinado.

Felos no Entroido de Carguizoi, en Maceda
Felos no Entroido de Carguizoi, en Maceda | Fonte: Instagram @carguizoi

O FELO, CON CINCO CHOCAS PENDURADAS E MEDIAS NEGRAS, PERSEGUE Á XENTE QUE O DESAFÍA PARA FACERSE COAS SÚAS MOEDAS

Para coñecer mellor os pormenores desta celebración, que tivo lugar a pasada fin de semana, falamos con Manuel, 'alcalde' da aldea de Carguizoi --así nomeado polos propios veciños--, que nos conta que a figura central deste Entroido é o coñecido como Felo. Como explica, o Felo é un personaxe que "leva unha careta, completamente artesanal, composto dunha chaquetiña estilo toreiro, un pantalón con pompóns de diferentes cores e cinco chocas penduradas del". Este último detalle é probablemente o máis importante, porque "as cinco chocas son as que diferencian ao noso Felo dos cigarróns de Verín e dos peliqueiros de Laza, que levan seis". Aínda que tamén hai outra diferenza, que está na cor das medias, pois "o noso Felo lévaas negras, mentres que os personaxes de Verín e Laza sempre as levan brancas". Pero, por que negras? Manuel explica que isto tamén ten a súa historia, porque "as medias negras eran as que usaban antes as avoas nas aldeas, porque por aquel entón non había as medias brancas tan finas como as que hai agora". Do mesmo xeito, "tampouco o noso Felo leva os zapatos finos que empregan en Verín e Laza, senón que leva botas".

Así, a función principal desta figura é meterse coa xente e facer falcatruadas. "Leva un bastón co que colle á xente polo pescozo, levanta a saia ás mulleres e fai todo tipo de cousas", chancea Manuel, que tamén nos conta que, antigamente, "había xente do pobo que retaba ao Felo para que a collese e, se a collía, dáballe unha moeda...". Deste xeito, lembra que "os que o retaban fuxían del polas hortas e os lameiros, para agocharse en zonas de difícil acceso e non ter que pagarlle", aínda que tamén confesa que, "cando vían que o Felo xa ía moi canso, tamén había quen se deixaba coller e lle daba igualmente unhas pesetas". Outra curiosidade que ten moi presenta na súa memoria Manuel é que, "na época franquista, a Garda Civil non nos deixaba entrar na vila de Maceda vestidos coa máscara nin facerlle ruído á xente coas chocas" e, "se o faciamos, detíñannos". Por iso asegura que "evitabamos moito ir a Maceda, porque se ao Felo lle sacas a súa máscara e as súas chocas que son as que avisan á xente da súa chegada, deixa de ter sentido o resto". Agora ben, a cando se remonta esta figura? O 'alcalde' de Carguizoi asegura que o recorda de toda a vida, e ten agora 68 anos. Iso si, con lixeiras diferenzas en función da época. "Antes os traxes eran difíciles de facer e caros, polo que había unha ou dúas familias que tiñan tres ou catro disfraces e alugábanos, de maneira que cando ti rematabas de vestirte de Felo xa había outro na cola agardando para poñer o disfrace". Por sorte, Manuel celebra que "agora iso cambiou e xa se lle pode facer a calquera pequeno".

O FIADEIRO, A FESTA NA QUE SE XUNTAN OS VECIÑOS E CELEBRAN XUNTOS A CHEGADA DO FELO Á ALDEA

Felo no Entroido de Carguizoi, en Maceda
Felo no Entroido de Carguizoi, en Maceda | Fonte: Instagram @carguizoi

A chegada do Felo á aldea de Carguizoi era unha cousa digna de celebrar, e por iso facían o que se deu en chamar Fiadeiro, costume que tamén foi evolucionando cos anos. Manuel explica que o Fiadeiro "remóntase ao ano 2017, detívose coa pandemia, e reiniciouse no 2022, chegando ata a actualidade". E en que consiste? Pois "en xuntarse todos os veciños e facer unha comida, á que, aínda que na aldea só somos 22, sempre se sumaba xente". Naqueles primeiros anos lembra que "ao mellor nos xuntabamos unhas 50 persoas no baixo dunha casa, onde poñiamos diferentes pinchos, o que cada familia quixese poñer". Nesas reunións entre veciños tamén "sacabamos os instrumentos que cada quen tivese, dende pandeiretas ata gaitas". Con todo, daquelas reunións informais pasouse, na actualidade, a comidas de 1.000 e ata 2.000 persoas (na pasada edición), atraídas tamén polo traballo divulgativo que Carmen --filla de Manuel-- realizou á fronte das redes sociais de Canguizoi. O recibir a tanta xente fixo inviable, "o poder seguir preparando a comida na casa como se facía antes", polo que "optamos por pedila a bares e tendas da zona". Así, co cobro dun prezo simbólico, os organizadores --entre os que se atopan os fillos de Manuel-- poden ir mercar a comida para os asistentes.

O REINADO, NO QUE UNHA VILA DA SERRA DE SAN MAMEDE COSQUISTA A OUTRA A BASE DE REGUEIFAS

E, xunto aos Felos e o Fiadeiro, dende este mesmo ano Canguizoi conta tamén con outro reclamo recuperado do Entroido orixinal: o Reinado. "Nos meus 68 anos non lembro ter visto nunca un Reinado", confesa Manuel, que pon en valor a recuperación desta tradición. En que consiste? "Consiste en que unha vila de toda esta zona da Serra de San Mamede vai conquistar a outra, e, nesa conquista, toda a vila vai disfrazado, cun rei e unha raíña ataviados con vistosos traxes encabezando a comitiva", explica. "Unha vez chegan á vila que teñen pensado conquistar (este ano foi Tioira), atópanse con todo atrancado con carros e outros aveños". Ante esa situación, "o rei leva preparadas unhas regueifas, unhas rimas de catro versos dos cales rima o primeiro co cuarto, con algo de picaresca e retranca". Manuel conta que o motivo principal da regueifa pode ser moi diverso, pero que dá moito xogo a loita por ver que vila fai as mellores olas, porque "vivimos nunha terra na que se fabricaban moi boas olas de barro". Tras esta provocación, prodúcese un simulado enfrontamento entre ambas vilas ata que aparece a figura do notario, que "é quen manda asinar a apertura do paso á vila invasora". Feito isto, "xuntámonos todos e imos desfilando ata unha zona onde hai música, pandeiretas e viandas, para rematar a festa". "É moi bonito", confesa Manuel, que convida a todo o mundo que se anime a visitar Carguizoi no Entroido.

Felos no Entroido de Carguizoi, en Maceda
Felos no Entroido de Carguizoi, en Maceda | Fonte: Instagram @carguizoi
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta