Alarma demográfica en Galicia: a idade media dos galegos supera xa os 48 anos, a maior cifra desde que hai rexistros

A poboación con 65 ou máis anos xa alcanza o 26,6 %, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) publicados este venres.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2025 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

A idade media dos galegos non deixa de aumentar ante a crise de natalidade e xa é de 48,36 anos, a data 1 de xaneiro de 2024, a maior cifra desde que hai rexistros (1975), segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) publicados este venres. Estes 48,36 anos son máis de dous anos por enriba dos 45,9 anos de hai unha década, en 2014. Se se toma como referencia o ano 2000 (42,18 anos por entón), o incremento é de seis anos. A idade media era de 35 anos en 1975, unha cifra que foi subindo de forma progresiva ata elevarse en 13 anos durante este medio século.

Un ancián no rural galego
Un ancián no rural galego | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Por provincias, Ourense é a que ten unha maior idade media, con 51,33 anos, seguida de Lugo (50,50 anos); A Coruña (48,03) e Pontevedra (47,06). De tal forma, a poboación con 65 ou máis anos xa alcanza o 26,6 %, son tres puntos máis que 10 anos antes. O 58 % dos galegos ten entre 20 e 64 anos. Os menores de 20 anos só supoñen o 15,4 %. Isto quere dicir que a poboación en idade potencialmente dependente (de menos de 15 anos e de máis de 64 anos) con respecto á idade activa (de 15 a 64 anos) arroxa unha taxa de índice de dependencia do 60 %, en continuo aumento desde o 2008. 

A taxa de natalidade continúa en caída e queda nos 5,18 nacementos por cada 1.000 habitantes, dous puntos menos que 10 anos antes (7,16 por entón). A idade para ter fillos non deixa de crecer: 33,25 anos de media para maternidade e 35,79 anos para paternidade. A esperanza de vida dos nados en 2023 en Galicia é de 83,95 anos, cun lixeiro aumento sobre o ano anterior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta