Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/03/2025 | Actualizada ás 14:00
Na era dixital os menores teñen un acceso sen precedentes a contidos que moldean a súa percepción da sexualidade, as relacións e a identidade. Máis aló da pornografía, que se ten convertido nunha fonte de educación sexual para moitos adolescentes, como xa vimos na reportaxe anterior, as letras de cancións populares, os videoclips e as tendencias en redes sociais tamén transmiten mensaxes cargados de erotización, violencia simbólica e estereotipos de xénero. Nun momento no que a sociedade está máis concienciada que nunca coas loitas pola reivindicación da igualdade e pola rutura do establecido, as tendencias sociolóxicas e culturais das novas xeracións semellan por en risco todo o logrado ao longo de moitos anos. Dende cancións que normalizan o control e a cousificación (xeralmente das mulleres) ata coreografías hipersexualizadas (tamén xeralmente reproducidas por mulleres) que se viralizan en Tik Tok e Instagram, o impacto destes contidos na formación dos menores é un debate cada vez máis urxente. Como tal, foi abordado na sétima edición do ciclo de conferencias Tempo da Psicoloxía, onde diversas expertas na materia abordaron unha problemática que trascende fronteiras.
Se ata fai ben pouco as alertas saltaban pola existencia de múltiples cancións de xénero urbano, de estilos musicais como o reggaeton ou o trap, como máximos expoñentes de letras nas que se cousifica á muller e coas que se verbalizan prácticas de risco con contidos sexuais explícitos, dun tempo a esta parte o principal problema deriva das referencias que tiveron os nenos e as nenas nas redes sociais ao longo da súa infancia. Dende ben pequenos, ao comezar a consumir vídeos en pantallas, foron vendo asiduamente as mesmas caras coñecidas que se converteron en parte do seu ocio e entretemento, moitas delas caras de nenos e nenas da súa mesma idade. O problema apareceu cando eses nenos foron medrando e, en moitos casos, comezaron a derivar tamén cara a hipersexualización e a cousificación tan presentes nunha sociedade onde o negocio da sexualidade pode resultar moi lucrativo en grandes plataformas. Neste ciclo citouse un exemplo desta realidade: o caso da moi popular entre os máis pequenos youtuber e tiktoker Karina.
A EVOLUCIÓN DAS CONTAS DE YOUTUBE E REDES KARINA Y MARINA E HUGO23
Esta rapaza comezou a crear contido na conta Karina y Marina no ano 2017. Os seus primeiros vídeos baseábanse en amosar historias e situacións protagonizadas por dous personaxes ficticios: Karina e a súa irmá xemelga Marina, que ían vivindo diversas aventuras. Lóxicamente, contar situacións da vida cotiá con ton humorístico e colorido fixo que aos máis pequenos lle encantase a súa canle, ao verse identificados con Karina e cos súa ficticia irmá. Con todo, non hai que esquecer que dende a creación desta conta pasaron xa 8 anos, nos que Karina pasou de ter 9 anos a ter xa 17. Foi no 2019 cando a influencer tamén incursionou no mundo da música, lanzando cancións acompañadas de videoclips. No 2022 anunciou o seu primeiro espectáculo en directo e a súa presenza actual nas redes exténdese tamén a Tik Tok, onde comparte contido variado que inclúe bailes, desafíos e momentos humorísticos. Moitos rapaces e rapazas foron medrando acompañados da presenza de Karina no seu entretemento, seguindo os seus pasos e imitando o seu xeito de vida.
O problema? Que as letras das últimas cancións de Karina conteñen contido sexual altamente explícito que é consumido e asimilado, consciente ou inconscientemente, por estes pequenos. A isto hai que engadir o feito de que varias destas cancións fainas en colaboración co seu mozo, outro coñecido tiktoker e creador de contido para YouTube baixo o nome de Hugo23. A modo de exemplo, amosámosvos algunhas das letras. A canción To-To, que conta con só uns meses dende o seu lanzamento e xa acumula máis de 16 millóns de visualizacións di: 'Yo se cómo te gustan, te gustan juguetonas, que te vibre la chapa y te mueva la tumbona, yo sé cómo me gustan, como lo'elefantes, con la trompa muy larga, con la trompa gigante'; quítame el envoltorio como Bubaloo, te alegro la vida como Betty Boop, si tú tienes hambre yo soy tu menú, hoy me lavo el pelo, dame tu shampoo; a mí me gusta to'-to', a mí me gusta el toto'. A canción Bombón, con 5 meses ás súas costas xa acumula 49 millóns de visualizacións, di: 'Él tiene un regalo que no cabe en la mano, me dice que es sabroso y se come como helado, él tiene un regalo que no cabe en la mano, él viene del espacio y con tres piernas, es un marciano; dura como coco, me monto en tu moto, corre, que la pompa se me sale, tú eres mi loco y yo soy tu Yoko, dale gas y rompe los radares'.
"ÁS VECES PEDÍSMOSLLE Á REGULACIÓN COUSAS QUE A TRASCENDEN E QUE DEBEN SER IMPLEMENTADAS MÁIS ALÓ, COMO CONCIENCIACIÓN E EDUCACIÓN"
Sandra Sanmartín, psicóloga e investigadora da Universidade de Burgos que ten participado en diversos proxectos internacionais sobre o comportamento online dos menores e a necesidade da alfabetización dixital, considera que, "cando falamos de contido sexual explícito, sempre tendemos a pensar na pornografía coma se ese fose o único contido sexualmente explítico que existe, pero logo atopámonos con cancións, fotografías en redes sociais, publicidade en páxinas web... e mesmo, o agora chamado X --antes Twitter--, pasou de ser unha rede na que había creadores de contido sexual que manifestaban que tiñan Onlyfans nas súas publicacións, a ser unha rede na que directamente deixan nesas publicacións unha mostra explícita do que os interesados poden atopar no seu Onlyfans co link asociado para que calquera persoa poida entrar sen control de acceso independentemente da idade que teña". A este tipo de contidos están expostos a diario os menores, con todos os riscos asociados que o consumo dese tipo de contidos conleva.
Por iso, considera que "a educación afectivo-sexual é necesaria e, cando falamos de alfabetización dixital non só nos referimos a pornografía explícita, senón a todo tipo de contido mediático, porque sempre tendemos a pensar no dixital por iso de que os vídeos son moi visuais e deixan pouco á imaxinación, pero non nos detemos a pensar en como impactan eses anuncios que saen a cada minuto na televisión durante o Nadal nos que se promocionan perfumes manifestando claramente roles de xénero propios dos anos 60". Así as cousas, dende o seu punto de vista, "habería que transversalizar todo isto". Pola súa banda, Cristina Sanjuán, licenciada en Dereito e consultora social independente experta en protección da infancia, advirte de que "a nivel de regulación pódense regular moitas cousas, pero ás veces pedímoslle á regulación cousas que a trascenden e que deberían ser implementadas máis aló dela, como a concienciación social e a educación". Por iso, para ela, "a clave pasaría por unha reflexión social e tamén coa industria musical e outros tipos de industria como a da pornografía ou a dos videoxogos sobre por que se permite esa hipersexualización da muller, facéndolle entender tamén que diferentes edades teñen distintas necesidades".
"A PERCEPCIÓN DOS ADOLESCENTES SOBRE A ENSINANZA AFECTIVO-SEXUAL QUE RECIBEN É QUE SE CENTRA MOITO NO ÁMBITO SANITARIO E ESQUECE OUTROS"
Na mesma liña, Inma Araújo, psicóloga da Asociación Alborada e integrante do programa VINCO de intervención con menores con condutas sexuais abusivas e inadecuadas, sinala a importancia de poder falar cos nenos sobre as cousas que ven ou que poderían chegar a ver na pornografía, "sempre adaptando a lingua á idade", de maneira que "cando cheguen a ese recurso teñan xa coñecementos para poder xulgar o que están vendo, sabendo que nesas creacións existe unha maquillaxe, un xogo de cámaras e unha ficción que non é a realidade, así como que neses encontros que se filman na pornografía óbviase totalmente un procedemento de charla previa, de consentemento a determinadas accións e non a outras, de intercambio de ideas e de negociación do que queren facer todas as persoas implicadas na relación sexual". "Toda esa parte afectiva que está detrás dunha relación sexual ou que debería estalo, na pornografía non se ve", advirte Araújo.
Así mesmo, Sanjuán tamén asegura que "a experiencia lévanos a comprobar que os adolescentes queren saber máis do tema, porque cando se lles pregunta en estudos sobre a percepción que teñen respecto á ensinanza afectivo-sexual que reciben, directamente trasladan que non lles están ensinando as cousas que lles interesan, e denuncian un enfoque moi centrado no ámbito sanitario que esquece a parte da afectividade, da orientación sexual e de moitas outras cousas". En consecuencia, podemos concluír que "a ensinanza afectivo-sexual tal e como está plantexada na actualidade está anticuada". E apunta a que "a Convención sobre os Dereitos do Neno recolle que os nenos non só teñen dereito a unha educación en competencias académicas, senón tamén no desenvolvemento da súa personalidade, para xerar cidadáns libres que convivan nunha sociedade libre e xusta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.