Seis anos e medio de cárcere para unha enfermeira que accedeu 13 veces ao historial médico dunha nai e o seu fillo

Doutra banda, segundo recolle a sentenza, a Sala non considerou probado que a acusada puxese en coñecemento de terceiros datos ou feitos coñecidos a través dos accesos ao historial médico.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2025 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, condenou a seis anos e medio de cárcere a unha enfermeira que traballaba no Servizo Galego de Saúde (Sergas) por acceder, sen o seu consentimento e en tres ocasiones, á historia clínica da nai dun compañeiro de colexio do seu fillo e, dez veces, á do menor.

Ademais, o tribunal impúxolle o pago dunha indemnización de 2.000 euros a cada unha das vítimas e inhabilitación absoluta por tempo de seis anos.

Doutra banda, segundo recolle a  sentenza, a Sala non considerou probado que a acusada puxese en coñecemento de terceiros datos ou feitos coñecidos a través dos accesos ao historial médico.

Así, destaca que "non ofrece dúbida" que a querellante e a acusada "romperon a relación en xuño de 2018", tras un problema xurdido na excursión de fin de curso dos seus fillos. Por iso, conclúe que é "imposible que existise algún tipo de petición daquela ou do seu marido a esta para que entrase a través do programa IANUS nos datos médicos daqueles ou do seu fillo".

Os maxistrados inciden en que "ese fin da relación é incompatible coa indemostrada hipótese dun consentimento xeral ou tácito para tales accesos que se quixo esbozar pola defensa".

Sobre a difusión de datos de saúde a terceiros, a sala sostén que "non pode aceptar que comentarios de porta de colexio" percibidos pola querelante ao coñecer que outros pais, aos que ela non diría nada, soubesen datos de saúde seus ou do seu fillo, permitan concluír que "a orixe deste coñecemento por terceiros estivese na acusada".

A sentenza non é firme, xa que contra ela cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Gabriel Luengas - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta