Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2025 | Actualizada ás 14:01
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, mediante a Axencia Galega de Infraestruturas, publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de trazado da primeira fase de conversión en autovía da Vía de Altas Prestacións (VAP) Brión-Noia. A publicación, vai acompañada da declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para realizar a intervención. A actuación supera os 29 millóns de euros e inclúe o pago dos 11 predios necesarios para executar o tramo de 9,66 quilómetros de lonxitude da vía, que se inicia no final da autovía AG-56, Santiago-Brión, e finaliza no tramo Martelo-Noia. Desta forma, esta primeira fase de conversión en autovía supón o 60 % da lonxitude de 18,2 quilómetros da VAP Brión-Noia, aproximadamente.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas convocará o levantamento de actas previas das expropiacións e licitará as obras do subtramo Brión-enlace de Urdilde ao longo deste ano. O prazo para realizar a obra é de 18 meses. O proxecto aprobado no Consello da Xunta do pasado día 24 de febreiro ten como obxectivo converter en autovía o treito comprendido entre os quilómetros 11+640 e o 21+300, realizándose o desdobramento para a autovía cara ao lado esquerdo da vía de altas prestacións CG-1.5, polo que se manterá a estrutura actual ao situarse no lado contrario do carril lento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.