O Concello de Moaña alega contra a concesión para o acceso á praia da casa da parella de Feijóo

Argumenta, entre outras cousas, que non se localizou o título habilitante para a construción do muro de contención que inclúe a parcela da vivenda, xunto coa franxa de 210 metros cadrados do dominio público que queda no seu interior.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 05/03/2025 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O Concello de Moaña presentou unha alegación contra a solicitude de Eva Cárdenas; parella do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo; de concesión do terreo público que permite acceder á praia do Con desde unha vivenda da súa propiedade. No seu escrito, o goberno local insta á Dirección Xeral da Costa e o Mar e ao Servizo Provincial de Costas en Pontevedra á recuperación do dominio público, ao considerar que "queda acreditada a necesidade desta recuperación" en aras do interese público "fronte ao interese privado" da solicitante.

Así, o Concello argumenta que non se localizou o título habilitante para a construción do muro de contención que inclúe a parcela da vivenda, xunto coa franxa de 210 metros cadrados do dominio público que queda no seu interior. "Tampouco temos constancia de que ese título fose achegado por parte da propietaria da devandita parcela, polo que se pode intuír que a construción do muro de contención que invade o dominio público desta parcela non estaba incluído en ningunha licenza das que localizamos no arquivo municipal", engade a alegación.

Tamén indica que nas inmediacións da vivenda existe xa unha zona de miradoiro-paseo, cuxo muro de contención necesita unha "actuación estrutural urxente", polo que considera o Concello "fundamental" que prevaleza a recuperación de toda a franxa, sumando os 210 metros cadrados que se atopan dentro da parcela da casa de Cárdenas.

Ademais, explica que o muro da vivenda "imposibilita" o acceso ao mar nunha zona de costa de Tirán, "xa de seu cualificada de moi difícil acceso en caso de necesidade de rescate", facendo que con marea alta "só se poida acceder por mar" a certas zonas da praia debido ao muro de contención da vivenda da parella de Feijóo. Por todo iso, o Concello alega en contra da concesión e pide a Costas que recupere o dominio público e non conceda este terreo ata 2037 a Eva Cárdenas, como o solicitou.

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, coa súa parella
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, coa súa parella | Fonte: Diego Radamés - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta