Sanidade quere "solucionar un problema de exceso de alumnos" en Medicina para ter "a mellor docencia posible"

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou que "a vontade da Xunta é solucionar un problema de exceso de alumnos da Facultade de Santiago nun Hospital Clínico que se cadra non esta en condicións de dar a mellor docencia posible"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2025 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou este venres que a proposta de descentralización da docencia práctica do Grao de Medicina en Vigo e A Coruña obedece a un intento por "solucionar un problema de exceso de alumnos", ante o que a Xunta ten "o único obxectivo de lograr a mellor docencia posible".

Así o dixo a preguntas dos medios sobre as conversacións abertas para descentralizar a docencia de Medicina--"optimizar os recursos", en palabras do conselleiro--, algo, polo momento, que se limita á docencia práctica. Preguntado acerca de se podería nun futuro afectar tamén á teórica, algo ao que se opón a USC, dixo "non depende da miña".

A consellería, dixo Caamaño, ve "positiva" a reunión celebrada este xoves sobre a materia e sinalou que desde a Xunta sempre se defendeu que "Galicia ten unha única Facultade de Medicina, a da USC", que "ante un problema puntual de exceso de alumnado que pode comprometer a formación" abre a posibilidade de "descentralizar ou optimizar a docencia tanto na Coruña como en Vigo".

"Este é o comezo dun camiño", dixo o conselleiro, que instou a "traballar con todas as partes implicadas" baixo a premisa de "pensar no mellor para os alumnos" e "optimizar todos os recursos dispoñibles nesta formación".

"A vontade da Xunta é solucionar un problema de exceso de alumnos da Facultade de Santiago nun Hospital Clínico que se cadra non esta en condicións de dar a mellor docencia posible", resolveu.

Facultade de Medicina de Santiago de Compostela
Facultade de Medicina de Santiago de Compostela | Fonte: USC - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta