Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2025 | Actualizada ás 16:44
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou en Arxentina a importancia do liderado e o talento das mulleres no fenómeno emigrante galego, pola súa contribución ao benestar de toda a comunidade e a emprender o camiño cara a unha igualdade real e afectiva. Así o fixo no acto de entrega da distinción 'A Barca de Sálvora', no Centro Galego de Avellaneda, que recoñece a mulleres destacadas da colectividade do Día das Mulleres.
Rueda, que estivo acompañado do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, agradeceu, na súa intervención, á entidade o seu papel para axudar a preservar a cultura galega en todo o país. Así, as tres galardoadas foron: Vitoria Pazos, do ABC de Corcubión; María Luján Martínez Turnes, da Asociación Galega Residentes de Mos; e María Fernández Torres, de Residentes do Grove. A mención especial foi para as cantareiras, ás que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2025, e Rueda destacounas como "referentes onde mirarse".
Na súa intervención, Rueda aproveitou a data, o 8 de marzo, para reivindicar a loita pola igualdade como unha das grandes prioridades da Xunta e apuntou que se trata dun traballo diario no que "é necesario avanzar todos xuntos". O presidente galego reivindicou a Galicia actual: "moi diferente, potente e moderna, que abre os brazos a todo o mundo, especialmente, a aqueles que axudaron a construíla, cando viñeron a Arxentina e a tantos países, e nunca se esqueceron da terra de onde viñan".
DEFENDE EN URUGUAI O PAPEL DE PROMOCIÓN DAS ENTIDADES GALEGAS
Por outra banda, Rueda destacou este domingo en Uruguai o papel "central" que teñen as entidades galegas no país americano na promoción de Galicia, así mesmo, aproveitou para facer un chamamento para estreitar lazos culturais e empresariais. Así o sinalou durante unha reunión con entidades galegas en Uruguai, un encontro no que estivo acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e no que incidiu no labor que desenvolven estas entidades por construír "unha das comunidades galegas máis importantes a nivel global". Nesta liña, o presidente galego reiterou o "compromiso" do seu Executivo para que "todas as persoas que queiran volver a Galicia poidan facelo e se sentan acollidas".
Deste xeito, referiuse á estratexia 'Galicia Retorna', unha ferramenta coa que a Xunta "ofrece os medios para que os emigrantes que o desexen poidan volver á súa terra de orixe". Segundo detallou a Xunta nunha nota de prensa, Rueda tamén aproveitou para agradecer a "oportunidade" durante a súa estancia no país para estreitar vínculos, tanto a nivel cultural como empresarial, así como para "coñecer mellor as necesidades de todos os emigrantes galegos que viven en Uruguai". Con todo, a nivel empresarial sinalou a "importante presenza" de empresas galegas asentadas no país "que están a crear riqueza desde hai moito tempo" e que poden contribuír "como porta de entrada de todos os produtos que queira trasladar Uruguai cara a Europa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.