Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2025 | Actualizada ás 11:28
A CIG critica que se queira modificar no Congreso o Estatuto Básico do Empregado Público sen unha negociación sindical previa. En comunicado, o sindicato nacionalista lamenta que os cambios, presentados polo PSOE como emendas á lei de función pública da administración xeral do Estado, afectan directamante á regulación da xubilación parcial de todo o funcionario que queda sen marxe de debate.
Censura que "nin recupera a xubilación anticipada existente ata xaneiro de 2011 para o réxime de clases pasivas nin atende as demandas de recuperar a xubilación parcial eliminada polo Goberno de Rajoy e que contaba cunhas condicións moito mellores que a proposta do actual Goberno", ademais de "pechar a porta á demanda de moitos colectivos para poder acceder á xubilación completa aos 60 anos (como acontece co persoal da sanidade pública ou co profesorado ingresado despois de xaneiro de 2011)".
"As propostas que presenta o PSOE ao respecto da xubilación van en dúas liñas diferentes. Por unha banda, pretenden aplicar a xubilación parcial a todo o funcionariado nas mesmas condicións pactadas cos sindicatos CC.OO. e UGT para o ámbito xeral das empresas privadas, negando a recuperación das condicións existentes ata a reforma das pensións de 2013. Por outro, elevan dous anos a idade forzosa de xubilación, pasando dos 70 aos 72 anos".
"Son, por tanto, unhas medidas que conxuntamente implican unha renuncia aos dereitos arrebatados e unha nova traba á incorporación de xente nova á función pública pola vía de promover que se prolongue a vida activa", lamenta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.