Os ecoloxistas denuncian as obras do Concello de Ponteareas nun espazo da Rede Natura

ADENCO critica a realización de obras irregulares no entorno do río Tea, preto do Castro da Croa. O concello pretende realizar un sendeiro fluvial.

Por Galicia Confidencial | Ponteareas | 11/04/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O Grupo Ecoloxista ADENCO denunciou na Garda Civil de Ponteareas o pasado 8 de marzo as obras que se estaban a realizar, con maquinaria pesada, na beira dereita do río Tea, nas inmediacións do xacemento arqueolóxico do Castro da Croa. As obras comezaron despois de que a Xunta emitise un informe indicando a necesidade de recupear ese espazo natural.

Obras denunciadas no entorno do río Tea, en Ponteareas
Obras denunciadas no entorno do río Tea, en Ponteareas

No lugar había operarios e maquinaria pesada realizando traballos de habilitamento dun sendeiro, aínda que non había ningún tipo de cartelería no lugar. A denuncia tramitouse no posto da garda civil, onde se tomou declaración, o día 21 de marzo, ao responsable da empresa que estaba a realizar os traballos

Os ecoloxistas estudan, tamén, que accións legais levar a cabo, despois de que a través da prensa coñecesen, aínda en contra do manifestado pola Xunta de Galicia, a intención do Concello de Ponteareas de realizar unha nova infraestrutura no espazo protexido, neste caso “pouco agresiva”, segundo o indicado pola propia administración.

Segundo informa nun comunicado, o Xulgado vén de comunicarlle ao Grupo Ecoloxista Adenco que lle dan traslado do actuado, do auto de incoación e do atestado, á fiscalía, para que determine que accións tomar.

"Adenco vén de solicitarlle ao Concello de Ponteareas copia de todo o que conste sobre o novo proxecto que se pretende levar a cabo , co seu novo trazado, para coñecer o seu impacto", apunta no comunicado. Ademais, recórdanlle á administración local que se é un novo proxecto é preciso iniciar un novo procedemento administrativo, cunha exposición e consulta pública.

Os ecoloxistas insisten en que esixirán o sometemento do proxecto a un estudo de impacto ambiental, tendo en conta os efectos sinérxicos coas outras construccións realizadas no espazo protexido LIC Río Tea, dentro da Rede Natura 2000. Por último, Adenco tamén quere coñecer o custo do proxecto e de onde proveñen os fondos para
executalo, ao tempo de se se contemplan partidas económicas en anos sucesivos para o seu mantemento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta