Mulleres nos portos europeos: a fenda de xénero nun sector que segue dominado por homes

A proporción media de mulleres que están empregadas nos portos aínda ronda entre o 18 e o 20 % a nivel europeo, estando un pouco por enriba a cifra no caso de España, chegando aproximadamente ao 22 %, pero aínda moi lonxe dese 50 % ou a unha preseza destacada de mulleres neles, segundo apunta María Barreiro Gen, do departamento de Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC).

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 15/03/2025 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Os portos europeos son o epicentro da actividade marítima e comercial, puntos neurálxicos polos que transitan millóns de toneladas de mercadorías cada ano. Sen embargo, a pesar da súa importancia estratéxica, seguen a ser espazos predominantemente masculinos. En pleno século XXI, as mulleres seguen a ser unha minoría no sector portuario, enfrontándose a barreiras estruturais, estereotipos de xénero e dificultades para acceder a postos de responsabilidade. Dende a carga e descarga de buques ata a xestión administrativa e a dirección portuaria, a fenda de xénero é evidente en todas as escalas do sistema. Galicia Confidencial fala con María Barreiro Gen, do departamento de Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC), que participou esta semana nas xornadas 'Emprendedoras e mulleres do mar: finanzas, traballo e comercio marítimo en perspectiva histórica' cunha conferencia titulada 'O papel das mulleres nos portos europeos'.

Unha gaivota no Porto de Cangas na Ría de Vigo, a 17 de outubro de 2023, en Cangas
Unha gaivota no Porto de Cangas na Ría de Vigo, a 17 de outubro de 2023, en Cangas | Fonte: Agostime - Arquivo

Barreiro conta que, a raíz dun proxecto sobre portos europeos no que ela participou como investigadora, puideron comprobar as enormes desigualdades que aínda perduraban nos diversos traballos que contan con presenza nos portos actuais. "O noso punto de partida foi ver que, dentro das prioridades que os portos europeos outorgaban aos diferentes obxectivos de desenvolvemento sustentable, a iguadade de xénero quedaba relegada case sempre ás últimas posicións", explica. Así, aínda que concede que "ben é certo que moitos dos portos europeos están a facer grandes esforzos para ser máis sustentables, no ámbito máis social, no tocante á igualdade de xénero, semellan non ter fixadas as súas prioridades". O resultado deste desinterese plásmase en datos como que a proporción media de mulleres que están empregadas nos portos aínda ronda entre o 18 e o 20 % a nivel europeo, estando un pouco por enriba a cifra no caso de España, chegando aproximadamente ao 22 %, pero aínda moi lonxe dese 50 % ou a unha preseza destacada de mulleres neles, segundo apunta Barreiro.

NA ALTA DIRECCIÓN DOS PORTOS SÓ HAI UN 5 % DE CARGOS OCUPADOS POR MULLERES E NO ÁMBITO ADMINISTRATIVO A PORCENTAXE É DO 40 %

Xunto a estes datos expón outros igual ou aínda máis preocupantes, como que "se centramos a análise en determinados postos, vemos cousas como que en alta dirección só hai un 5 % de cargos ocupados por mulleres, como reflexan os datos de Nacións Unidas correspondentes ao ano 2024". E é que a investigadora evidencia que "a participación das mulleres no día a día dos portos non é exactamente a mesma en todas as actividades", pois, "como calquera pode imaxinar, a súa presenza é moito maior en postos administrativos e de 'management', mentres que é moito máis baixa en operacións de carga e descarga". Con todo, puntualiza que aínda tendo máis postos no ámbito administrativo, "a súa presenza neste traballo rondaría o 40 %", é dicir, tampouco chegaría nin á metade do total de traballadores empregados nel. Esa porcentaxe vaise reducindo máis e máis a medida que se vai ascendendo na escala laboral ata chegar aos postos de alta dirección, onde esa presenza de mulleres é moi escasa. E xa non só é que sexa escasa, senón que, o que é aínda peor, "nós últimos anos mantívose bastante estancada", de maneira que "aínda que aumentou lixeiramente a presenza da muller nos portos europeos, segue estando moi lonxe de ser igualitaria".

Ao longo da investigación, realizáronse entrevistas nas que se preguntou de maneira indirecta aos directivos de diferentes portos europeos polas barreiras de acceso e a retención das mulleres nos postos de traballo. Esta diferenciación estableceuse, tal e como explica Barreiro, porque "pode acontecer que a muller acceda a un traballo pero, unha vez nel, por diversos motivos, non estea a gusto e marche". Así as cousas, sinala que "as barreiras que máis nos comentaban seguían sendo as de tipo cultural, os estereotipos e esa idea de que para realizar determinadas tarefas nun porto precísase de forza física". Con todo, sobre esta cuestión, a investigadora resalta que "existen exemplos noutras industrias, como é o caso do transporte, nos que a nivel europeo se conseguiu rachar con eses estereotipos". En Suecia "a xustificación de por que non había máis mulleres camioneiras seguíase baseando, como no caso dos portos, nesa idea de que para realizar o traballo requiríase de forza física", argumento que actualmente xa non ten valía porque "grazas aos avances tecnolóxicos, que permiten solventar esa barreira, cada vez hai máis mulleres novas que están optando por esta profesión". Tanto é así que, de feito, "moitas empresas están preferindo empregar a mulleres porque din que coidan máis o camión". E, volvendo ao caso dos portos, cando falamos de postos de alta dirección, esta barreira xa non serve como argumento.

Imaxe de dous cruceiros no porto de Vigo
Imaxe de dous cruceiros no porto de Vigo | Fonte: PORTO DE VIGO - Arquivo

ALGÚNS PORTOS FAN ESFORZOS POR IMPLEMENTAR MEDIDAS DE CONCILIACIÓN E PROTOCOLOS FRONTE AO ACOSO, PERO NON SON TODOS

Sexa como fose, fronte ás barreiras existentes, os investigadores preguntaron se dende a dirección dos portos se estaban implementando medidas para contrarrestalas. Neste senso, Barreiro destaca que "si observamos que había portos que estaban facendo bastante esforzo por implantar medidas de conciliación, algo que se demanda con moita insistencia por parte das mulleres nos seus respectivos postos de traballo". A maiores, tamén "había portos con protocolos fronte ao acoso, para garantir que o ambiente de traballo que había neles fose amigable como para que unha muller quixese facer carreira no porto". Mesmo asegura que "había algún porto que contaba cun grupo de traballo específico adicado a estudar este tipo de cousas para ver que medidas sería bo aplicar de cara a lograr unha maior incorporación de mulleres". Así mesmo, a nivel social, Barreiro considera que tamén sería interesante desenvolver campañas de divulgación e visibilización para que as novas xeracións de mulleres vexan que este é un posible futuro espazo de traballo para elas.

Para a investigadora, sen dúbida, unha das principais medidas polas que habería que apostar sería pola incorporación de máis mulleres a postos de alta dirección, de maneira que "se quen agora están dirixindo o porto son homes, tamén opten por cambiar esa tendencia e por incorporar a mulleres á fronte". Barreiro destaca que "esa influencia que exerce ter o rol feminino en posicións máis 'senior' tamén pode verse noutros espazos como, por exemplo, o ámbito da investigación". "Cando hai directivas ou encargadas de investigación con máis experiencia, en xeral, os estudos amosan que é máis doado que as investigadoras mozas poidan avanzar, xa non só por ter un rol feminino liderándoas, senón tamén porque se axudan máis". Ao final, contar con referentes femininos pode abrir camiño a moitas rapazas que se incorporarán no futuro próximo ao mercado laboral e animalas a apostar por aqueles traballos que verdadeiramente lles apaixoan, sen importar se tradicionalmente foron considerados non aptos para elas, demostrando que non existe esa dualidade no mundo actual.

TRATAR A TODAS AS PERSOAS POR IGUAL NUNHA ENTREVISTA DE TRABALLO CANDO NON TODO O MUNDO TEN AS MESMAS OPORTUNIDADES

Por outra banda, Barreiro tamén fai fincapé no feito de que algúns directivos lles comentaban que á hora de realizar entrevistas de traballo eles trataban por igual a todos os solicitantes, independentemente de que fosen homes ou mulleres. "Eles crían que con iso xa estaban facendo o suficiente pola igualdade e que con tratar a todo o mundo por igual chegaba, cando realmente non se estaban dando conta de que non podes tratar a todo o mundo por igual cando non todo o mundo ten as mesmas oportunidades", reflexiona. Así, considera que "o primeiro paso sería asegurar a igualdade de oportunidades e, seguidamente, por suposto, implementar esa igualdade de trato", pero "o que non podes é tratar de forma igual a persoas en situacións desiguais, porque, de facelo, ao final acabas incurrindo en inxustizas". Deste xeito, conclúe que "se hai barreiras que aínda non se están solventando, estas porcentaxes de empregabilidade feminina nos portos europeos van seguir así".

Terminal de colectores do Porto de Vigo
Terminal de colectores do Porto de Vigo | Fonte: EP - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta