Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2025 | Actualizada ás 20:04
A Mesa pola Normalización Lingüística reclamou este mércores ao presidente de RTVE, José Pablo López, "axilidade" para cumprir coa iniciativa popular 'Xabarín', aprobada no Parlamento en 2021, e a nova lei audiovisual estatal para así aumentar os contidos infantís en galego.
Segundo trasladan en nota de prensa, a iniciativa 'Xabarín' contemplaba que a corporación emitise "todos o seu contido con opción dobrada ao galego", tanto na programación da canle específica infantil e xuvenil (Clan) como na aplicación dixital.
A Mesa lembra que esta iniciativa se viu "reforzada" pola Lei xeral de comunicación audiovisual, que recolle que os subministradores estatais do sector garantirán nos seus contidos temáticos infantís a dobraxe nas linguas oficiais das comunidades autónomas.
A organización reclamou "celeridade" no cumprimento da lexislación, xa que alegan que só o 0,9 por cento dos contidos audiovisuais están en galego. Esta porcentaxe é inferior ao mínimo de 2,5 co que deben cumprir.
Así o trasladaron o presidente da Mesa, Marcos Maceira, e a secretaria xeral da entidade, Celia Armas, a José Pablo López este mércores nunha reunión mantida en Madrid.
Pola súa banda, o presidente de RTVE comprometeuse a que, antes do remate do 2025, haberá un aumento dos contidos en galego en TVE e comezarán as emisións en galego en Clan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.