Por Galicia Confidencial | Santiago | 12/04/2016 | Actualizada ás 14:08
Membros da Policía Nacional rexistraron esta mañá a sede no Parlamento galego do grupo Alternativa Galega de Esquerda (AGE) nunha operación no marco dunha investigación sobre pornografía infantil que afecta a un asesor de AGE vinculado a Esquerda Unida.
Segundo adiantou La Voz, o presidente da Cámara, Miguel Santalices, autorizou o acceso dos axentes da Policía a estas instalacións "no marco dunha investigación que afecta á esfera privada" dun traballador.
O xornal coruñés apunta que a persoa investigada sería R.S. e non é nin deputado nin funcionario da Cámara autonómica, senón un asesor do grupo parlamentario de AGE.
Fontes da investigación consultada por La Voz apuntan a que o investigado foi detido este luns e que se procedeu ó rexistro hoxe, no seu lugar de traballo, tras detectarse, presuntamente, descargas de material de pornografía infantil desde a IP do Parlamento de Galicia. Segundo outras fontes, a Policía incautou un ordenador e diverso material. Fontes consultads por Europa Press salientan en que se trata dunha "cuestión allea" á institución.
A nova, que xa se está viralizando nas redes sociais, caeu como un xarro de auga fría en AGE, que decidiu non ofrecer ningunha declaración nun primeiro momento mentres non dispoñan de máis información sobre este caso. En todo caso, o grupo parlamentario xa decidiu "a suspensión cautelar da relación laboral" co detido, tras a reunión que o líder desta formación, Xosé Manuel Beiras, mantivo inmediantamente unha reunión co presidente do Parlamento, tras a cal comunicou que convocaría á prensa para dar explicacións sobre o caso.
Beiras deu a cara posteriormente ante os medios. Segundo confirmou o voceiro do grupo, investígase un “delito tecnolóxico relacionado coa pornografía e os menores”. Beiras dixo aos medios que foi o propio detido quen pediu á policía que rexistrara o seu despacho. Unha petición que foi autorizada por Miguel Santalices, o presidente da Cámara. O voceiro tamén indicou que o presunto delito corresponde ao ámbito privado do detido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.