Por Galicia Confidencial | Arzúa | 15/03/2025 | Actualizada ás 10:00
A Festa do Queixo deste ano superará as 80 inscricións, o que supón un incremento notable respecto a anos anteriores tendo en conta que houbo solicitudes que quedaron fóra. Para dar cabida a esta gran acollida, ampliouse o espazo expositivo no recinto feiral, habilitando por primeira vez o primeiro andar do multiusos para produtos non queixeiros, consolidando así a importancia e proxección deste evento gastronómico-festivo.
Outra das novidades deste ano é a creación dun espazo de artesanía nas rúas próximas ao recinto, iniciativa que dará visibilidade ao traballo de creadoras e creadores, así como a participación de diversas asociacións da zona, que terán espazo para expoñer os seus produtos e iniciativas.
Para facilitar a presenza de familias, a organización creou un espazo conciliador onde nais, pais e coidadores poidan desfrutar da festa con comodidade. Ademais, haberá actividades específicas dentro da programación pensadas e adaptadas para eles.
O recinto feiral abrirá o sábado 15 de marzo ás 11:00 h. e a partir das 12:00 h. terá lugar a inauguración, contando na presentación coa narradora Leti da Taberna e o humorista local Xan Veiga. Estes artistas darán paso á pregoeira, a prestixiosa chef galega Lucía Freitas, integrante do Grupo Nove e Estrela Michelín co seu restaurante de Compostela A Tafona. Despois do pregón ofrecerá unha demostración de cocina no segundo andar do recinto “Terra do Queixo” para unas 50 persoas.
CONCERTOS E ACTIVIDADES
No apartado de concertos, que comezarán ás 20:30 h. o sábado, actuarán Kapital Voskov, Mondra, Xoel López, Cariño e The Rapants. Para o domingo está programada unha dobre sesión. A sesión vermú, ás 12:30 h., na que se desenvolve ‘O Son de Arzúa’ con tres grupos: O Bringuelo, a Banda de Música de Arzúa, e a Rondalla Moraima. E xa pola tarde-noite, a partir das 18:00h. pecharán a Festa do Queixo 2025: Os Melidaos e Xisco Feijoó.
Como complemento ao anterior haberá unha gran oferta de música de rúa e otras actividades como obradoiros de cociña, charlas e actividades infantís.
PROTAGONISMO ESPECIAL PARA A VECIÑANZA
Semanas atrás presentouse un spot no que se eloxía aos veciños e veciñas de Arzúa, pero sobre todo ás queixeiras e queixeiros e a todo sector agrogandeiro que fan posible que o queixo de Arzúa teña a sona que ten alén dos lindeiros da localidade.
O domingo pola mañá está dedicado ao Son de Arzúa, un espectáculo único que reunirá tres agrupacións emblemáticas do municipio: O Bringuelo, a Banda de Música de Arzúa e a Rondalla Moraima. A proposta ten como obxectivo crear unha viaxe sonora que homenaxea a identidade cultural e musical da comarca.
Ademais, este ano a identidade gráfica da Festa do Queixo foi encargada ao deseñador Dani Camino, e a comunicación do evento encargóuselle a Olalla Dopico, reforzando así o papel da creatividade local na celebración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.