(Vídeo) Hibernarse, o novo tema de Fillas de Casandra, un canto contra o estrés e o desenfreo do capital

Evocan a sabedoría popular (ese “ti chega tarde que é mellor que non chegar”) ou a incerteza da elección (“como elixir entre a savia e o veleno se ainda non coñecemos a forma de todas as voces que teremos?”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/03/2025 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

“Xa mo dicía mamá. Ti chega tarde que é mellor que non chegar”. Con esta clarificadora e reivindicativa sentenza comeza Hibernarse, o sinxelo que Fillas de Cassandra publica hoxe mesmo en todas as plataformas dixitais e que, á vez,  titula o novo proxecto multiformato do dúo conformado por María SOA e Sara Faro e cuxa parte musical producen, nesta ocasión, Greta Ch’aska e Mumbai Moon.

Fillas de Casandra
Fillas de Casandra | Fonte: remitido

Hibernarse, o primeiro “fascículo” do universo homónimo, é un chamado á pausa fronte á velocidade imposta polo “frenesí da industria e do fast-todo do capital”, o que vén sendo a esixencia de facer, con urxencia, todo dun xeito rápido. “Rápido e mal feito, dúas veces mal”, canta Fillas de Cassandra nesta peza, a primeira das catro que as artistas darán a coñecer desde hoxe e, semanalmente, até o 10 de abril. 

Fronte ao ritmo desenfreado e á velocidade dos acontecementos vividos ao longo destes dous últimos anos (cando publicaron Acrópole), Sara Faro e María SOA avogan porque cadaquén poida tomar o tempo necesario para levar o seu propio compás e construír algo auténtico e duradeiro desde a súa verdade, como queren facer elas mesmas. É, ao cabo, o punto de partida do sinxelo: ás veces chegar tarde é mellor que non chegar.

Na construción desta reivindicación do dereito á espera, de que unha sexa tardeira para atopar o seu propio ritmo, Fillas de Cassandra emprega versos que evocan a sabedoría popular (ese “ti chega tarde que é mellor que non chegar”) ou a incerteza da elección (“como elixir entre a savia e o veleno se ainda non coñecemos a forma de todas as voces que teremos?”), coa intención de poñer sobre a mesa que os procesos de exploración son lentos e complexos e que supoñen que, para avanzar un paso, ás veces cómpre desandar outros catro.

Neste Hibernarse, o público poderá escoitar novos rexistros das súas voces (evidenciado no retrouso do tema) e os xogos que estabelecen con sonoridades e texturas; mais todo sen abandonar as súas sobranceiras harmonías vocais, os instrumentos orgánicos e a electrónica intensa que caracteriza ao dúo.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta