O Observatorio de Cultura inclusiva e accesible de Galicia verá a luz este ano

O Consello da Xunta autoriza tamén a firma do convenio plurianual coa USC para colaborar co Instituto da Lingua Galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2025 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia creará durante o primeiro semestre deste ano o Observatorio de Cultura inclusiva e accesible de Galicia, un órgano colexiado de asesoramento que analizará as necesidades de colectivos de persoas en risco de exclusión cultural e, consecuentemente, emitirá informes e propostas de actuación para reverter estas situacións. Así se recolle no informe avaliado este luns polo Consello da Xunta para o inicio de tramitación do decreto que regulará a composición e o funcionamento deste organismo.

Este instrumento desenvólvese ao amparo da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, e que establecía dous anos como prazo máximo para a posta en marcha deste organismo, unha vez aprobada esta normativa. Destacan que se trata dunha lexislación "pioneira" en Europa, xa que por primeira vez unha lei regula o dereito de acceso á cultura en termos de inclusión e accesibilidade.

Para iso, presta especial atención a aquelas persoas cuxa situación de desvantaxe física, psíquica, socioeconómica ou territorial "impida ou dificulte" tanto os procesos de creación cultural como o acceso ao goce dos produtos e servizos culturais. Por estes motivos, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude determinou a esixencia de contar cun observatorio que "analice e fixe un seguimento das necesidades asociadas a persoas en risco de exclusión cultural". Refírense ás que conten cun déficit grave de recursos económicos, discapacidade, sexan vítimas de violencia machista ou pertenzan a minorías étnicas. De igual forma, tamén se inclúen aquelas cuxo lugar ou territorio supoña unha limitación no acceso á creación ou goce cultural.

FUNCIÓNS E COMPOSICIÓN DO OBSERVATORIO

A actividade e as funcións deste organismo terán como obxectivo vixiar o cumprimento da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, analizar e avaliar as necesidades do sector, servir como marco para a participación institucional e punto de encontro entre administracións, sector cultural e social, e emitir informes e propostas de actuación. Respecto da composición do observatorio, ademais das consellerías de Cultura e de Política Social e Igualdade, formarán parte deste foro representantes doutras administracións públicas, industrias culturais e tamén entidades privadas do tecido cultural.

Ademais, as entidades do terceiro sector de acción social tamén se teñen en conta e atribúeselles un papel importante no deseño de medidas, no apoio formativo e de coñecemento dos colectivos con máis dificultades. De igual maneira, incorporaranse especialistas de prestixio en materia de accesibilidade e inclusión. Tras a análise deste informe polo Consello da Xunta, a Consellería inicia agora a tramitación da futura norma co inminente anuncio da audiencia pública previa a través do Portal de transparencia da Administración autonómica. A finalidade é que calquera persoa ou entidade interesada poida achegar suxestións ao seu contido.

COLABORACIÓN ENTRE XUNTA E USC POLO GALEGO

Por outra banda, o Consello da Xunta autorizou tamén este luns a firma do convenio plurianual coa Universidade de Santiago de Compostela para renovar a súa colaboración co Instituto da Lingua Galega. Trátase dun acordo de catro anos de duración, que permitirá continuar actuando nas investigacións científicas sobre o uso do galego pola xente nova, así como nos estudos sobre a variación dialectal ou patrimonio textual da Galicia medieval.

Para levar a cabo todos estes proxectos, o documento asinado está dotado con preto de 900.000 euros, dos cales a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega máis da metade, un total de 500.000 euros. Isto supón un incremento de 20.000 euros por parte do Goberno galego no marco do seu compromiso co impulso do galego ao amparo do Pacto pola lingua, que inclúe 50 medidas de acción inmediata. Deste xeito, o Consello da Xunta dá luz verde a un convenio que busca actualizar o coñecemento lingüístico a través de tres liñas de estudo.

Por unha banda, os expertos profundarán na variación dialectal do galego como patrimonio lingüístico e cultural, dando continuidade ao traballo de preparación, edición e publicación dos materiais léxicos recolleitos para a elaboración do Atlas lingüístico galego. A segunda liña abordará a investigación do uso da lingua polos mozos e tratará diversos eixos temáticos, como a formación e a dinamización lingüística para mellorar a maneira de impartir clase e transmitir o coñecemento do idioma aos estudantes.

Nesta liña, tamén se porá o foco na transmisión intergeneracional e en medidas para axudar as nais e os pais que desexen que os seus fillos e fillas empreguen o galego como lingua habitual. Por último, a terceira das medidas permitirá continuar coa investigación do patrimonio literario na historia mediante o labor de organización, informatización, codificación e etiquetaxe de novos documentos notariais ao Corpus galego-portugués antigo. Neste sentido, estudarase o patrimonio textual da Galicia medieval para poder coñecer este período histórico a través dos documentos da época.

RESIDENCIAS PARAISO

Por último, o Consello da Xunta autorizou este luns a renovación do convenio anual coa asociación cultural colectivo RPM para o financiamento da novena edición de Residencias Paraíso, programa de estancias artísticas dirixido a impulsar a investigación e a creación na danza e as artes vivas, do que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantense como principal entidade colaboradora desde a súa posta en marcha en 2017.

Ademais da dotación de 30.000 euros consignada neste documento, o Goberno galego tamén achega diferentes espazos para o desenvolvemento desta iniciativa, de maneira que o Salón Teatro e a Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, son dúas das sedes para as estancias, mentres que Illa de San Simón, en Redondela, acollerá do 12 a 14 de setembro o encontro de todos os participantes no programa.

Esta novena edición das Residencias Paraíso arrincou o pasado 17 de febreiro coa apertura do prazo de recepción de proxectos artísticos de Galicia, España e Portugal. Entre as solicitudes recibidas ata o 7 de marzo, seleccionarase un máximo de oito para avanzar en cada proposta de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A organización destinará un orzamento de 20.000 euros ao conxunto das estancias, en previsión de que cada proxecto conte cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros en función das súas características particulares.

As estancias, que se desenvolverán entre abril e novembro deste ano, contan tamén como espazos asociados como o Vello Cárcere de Lugo; o Pazo da Cultura de Carballo; a Igrexa da Madalena de Ribadavia; a Casa da Cultura de Vimianzo; a Casa da Cultura de Corcubión, e o Pazo da Cultura de Narón, a través da colaboración cos respectivos concellos. O seu financiamento por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enmárcase nun dos obxectivos estratéxicos do Plan integral para a danza de Galicia, que establece como prioritario o incremento e a diversificación dos programas de residencias artísticas en Galicia.

Rueda preside o Consello da Xunta
Rueda preside o Consello da Xunta | Fonte: DAVID CABEZÓN @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta