Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2025 | Actualizada ás 13:47
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou este xoves a mobilizarse o próximo 6 de abril en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública ante a "desidia" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Besteiro reuniuse na mañá deste xoves na sede nacional do PSdeG co portavoz de SOS Sanidade, Manuel Martín, para trasladarlle o apoio do partido á protesta convocada pola plataforma na capital galega.
Nela, segundo indicou o PSdeG nun comunicado, espérase "reeditar o éxito da concentración de xaneiro en Vigo, cando máis de 60.000 persoas saíron á rúa para defender unha sanidade pública de calidade", sinalou Besteiro.
Na reunión participaron tamén a deputada e portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa; o secretario de Sanidade e portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, e, por parte da plataforma, Carlos Pardo.
"É unha cita á que todos e todas debemos acudir", asegurou o líder socialista, que denunciou que a sanidade pública "está a recibir ataques inaceptables desde a dereita política" e chamou a defender un dereito e un servizo "que protexe" a todos e a todas.
Así, criticou que a Xunta manteña centros de saúde pechados, advertiu da falta de profesionais sanitarios e alertou das "listas de espera interminables" tanto na atención primaria como en especialidades e cirurxías.
De feito, sinalou que a día de hoxe son máis de 220.000 os galegos e galegas que esperan por unha cita cun especialista. No caso das cirurxías, indicou que o número se sitúa xa preto das 51.000 persoas á espera dunha intervención.
O secretario xeral lembrou que o PSOE estará na mobilización "como sempre estivo" desde os primeiros dunha plataforma de que o PSdeG "é membro fundador" e comprometeuse a seguir defendendo "uns servizos públicos de calidade" como un dos eixos das políticas dos e as socialistas de Galicia.
Fronte a iso, criticou que o PP rexeite pór en marcha medidas para reducir o tempo de atención, mentres Rueda "mantén no cargo a un conselleiro ao que lle parece unha broma que a xente enferme".
Ademais, sostivo que Galicia "está hoxe á cola de investimento por habitante no campo da atención primaria". Unha carencia á que, segundo indicou, súmanse as condicións laborais do persoal do Sergas, que están entre as peores de España, cos médicos e médicas en formación entre os peor pagados de España e o cociente de profesionais sanitarios respecto da poboación moi por baixo da media estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.