O director xeral da CRTVG sobre retirarse do seu cargo: "Xubílome eu"

Alfonso Sánchez Izquierdo di que ninguén o "manexa"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2025 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O director da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu na comisión parlamentaria de control dos medios públicos a falta de poucos días para que entre en vigor a nova lei do ente, cuxa denominación cambiará. Tamén ratificará a expiración do seu mandato e activarase o procedemento para renovar o seu cargo e do consello de administración.

Unha cuestión que sobrevoou no debate deste venres na Cámara autonómica, onde a deputada do BNG Mercedes Queixas, que preguntou a Sánchez Izquierdo sobre o apoio da CRTVG á produción audiovisual galega, afeou unha "tramitación fugaz" planificada, dixo, para que "permita ao PP xubilar" ao actual director da corporación e nomear a alguén "só cos seus votos".

Sánchez Izquierdo, que supera os 75 anos, arrincou a súa réplica cunha "broma" respecto diso: "Non me xubilan, son eu quen se xubila, por razóns obvias". E se Queixas incidiu en que o PP "manexa" a CRTVG, extremo que compartiu nunha pregunta posterior Carmen Rodríguez Dacosta, o director xeral rexeitou esta visión con contundencia e co foco en si mesmo.

"Vostede (dirixiuse a Queixas) parte dun principio básico absolutamente equivocado, que o PP manexa a este director xeral, e nada máis lonxe da realidade. Pero nada máis lonxe da realidade. Algún día saberán por que o digo", esgrimiu, antes remarcar que, sen a base desta interpretación, "todo o argumentario esvaece".

En abril, a lei que rexerá a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia --CSAG-- entrará en vigor e no prazo máximo de tres meses, a Mesa do Parlamento de Galicia aprobará, conforme o seu regulamento, as normas reguladoras do procedemento para elixir á nova persoa titular da Dirección Xeral e dos membros do consello de administración da Corporación.

PRODUCIÓN AUDIOVISUAL

Durante a intervención, Queixas preguntou ao director xeral sobre as medidas que prevé pór en marcha a CRTVG co fin de "incrementar a transparencia" e de reforzar a dotación económica que destina á produción audiovisual galega.

A parlamentaria do BNG denunciou que a CRTVG "non cumpre" con "a porcentaxe do 6% o seu orzamento" que debe destinar "por lei" a impulsar a produción audiovisual galega e engadiu que o sector "nin sequera sabe" en 2025 con que cantidade vai contar. Ademais, pediu "claridade e transparencia" na selección de proxectos, tras apuntar que se percibe "escurantismo e discrecionaldiade".

"É fundamental que todo o sector coñeza as regras do xogo", esgrimiu, antes de que o director xeral da CRTVG tomase a palabra. Fíxoo para, ademais de recalcar que si se "cumpre" a normativa, para aclarar que a CRTVG "non dá subvencións", e reivindicar "o firme compromiso coa transparencia en todas as súas áreas" da corporación.

"A situación está a anos luz do que nos atopamos na vella compañía, unha situación de caos contable. Puxemos orde e habilitamos mecanismos de control", aseverou, antes de incidir en que o departamento de contidos "non é unha excepción" e de lembrar que existe "unha comisión de programas que non decide ao azar, senón en función de criterios previamente debatidos e estruturados".

ACUSACIÓNS CRUZADAS DE "DESGALLEGUIZACIÓN" E "BULOS"

Pola súa banda, a deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta denunciou a "política de desgalleguización encuberta" nos medios públicos galegos por permitir "a realización das probas de acceso en castelán por primeira vez na historia do ente".

E en termos máis xerais acusou á dirección do ente de aplicar unha política lingüística "de mínimos" para "contentar á dereita máis reaccionaria", á vez que censurou a "redución do galego nos contidos" convencida de que se aplica "un modelo de televisión ao sesrvicio do PP e non da cultura galega".

O director xeral respondeu que "dicir que se pode traballar na CRTVG sen saber galego é un bulo". Sánchez Izquierdo reiterou os argumentos que deu o ente desde que A Mesa pola Normalización Lingüística fixo a denuncia e insistiu en que, á marxe de adecuar "á lei vixente" os requisitos do proceso no apartado do idioma, é necesario acreditar o coñecemento do galego como condición "imprescindible" para poder acceder aos postos.

De feito, salientou que, no caso da categoría de redactor ou redactora, os aspirantes teñen que pasar unha proba de galego que ten carácter "eliminatorio". "Dicir que se pode traballar na CRTVG sen saber galego é un dos maiores bulos e, posiblemente tamén dos máis absurdos, que se crearon nos últimos tempos ao redor da corporación", aseverou.

"Basta con ler as bases do concurso para saber que iso é falso", sentenciou e concluíu facendo un chamamento a que, desde os postos de responsabilidade, "non se fomenten esta clase de noticias falsas".

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo / CAPTURA (PARLAMENTO DE GALICIA) - Arquivo / Europa Press
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo / CAPTURA (PARLAMENTO DE GALICIA) - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta