España cambia a hora unha vez máis: seguirán os axustes estacionais no futuro?

Esta madrugada, ás 02:00 pasarán a ser as 03:00, reducindo o sono unha hora para adaptarse ao horario de verán.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/03/2025 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

O horario de verán arrincará durante a madrugada deste sábado día 29 ao domingo 30 de marzo, polo que ás 02:00 (1:00 en Canarias) serán as 03:00 (02:00 en Canarias). De acordo coa normativa en vigor, este horario de verán estenderase ata o próximo 26 de outubro.

Reloxos nun escaparate, a 27 de marzo de 2025, en Madrid .. Marta Fernández - Europa Press
Reloxos nun escaparate, a 27 de marzo de 2025, en Madrid .. Marta Fernández - Europa Press | Fonte: Europa Press

A Unión Europea establece un calendario común para o cambio ao horario de verán, fixando os últimos fins de semana de marzo e outubro como datas de referencia ata, polo menos, 2026. Aínda que o Parlamento Europeo aprobou en 2019 permitir que cada Estado decidise se manter os axustes estacionais ou establecer un horario fixo, o Consello da UE aínda non tomou unha decisión final, polo que os cambios de hora seguen vixentes.

En 2018, unha consulta pública revelou que o 93% dos españois apoiaban eliminar o cambio de hora, por riba da media europea do 84%. O Goberno creou entón unha Comisión de expertos que, no seu informe de 2019, recomendou non modificar os usos horarios sen un consenso amplo e unha información clara á cidadanía sobre os seus efectos. Así, a postura oficial mantense a favor do cambio estacional mentres non haxa unha decisión definitiva a nivel europeo.

AFÓRRASE REALMENTE ENERXÍA CO CAMBIO DE HORA?

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) recoñece que non existen estudos recentes en España que confirmen un aforro enerxético asociado ao cambio de hora, xa que o último informe data de 2015 e non contempla a situación actual. A Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo elaborou en 2018 a análise máis recente, na que conclúe que os posibles aforros son marxinais e varían segundo o país.

Se ben se podería reducir o consumo en iluminación, o impacto sobre a calefacción é incerto e mesmo podería aumentar. Ademais, factores como a meteoroloxía, os hábitos de consumo e a eficiencia enerxética fan difícil avaliar os efectos reais do cambio horario. O IDAE tamén subliña que os métodos de análise quedaron desactualizados debido ás novas medidas de eficiencia en iluminación, climatización e ao aumento do autoconsumo.


O HORARIO DE INVERNO OU O DE VERÁN?

Unha enquisa realizada en 2024 pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) cunha mostra de 1.337 persoas concluíu con que o 70% de españois prefire o horario de verán fronte ao 23% que esta a favor do horario de inverno.

Con todo, un recente estudo mundial no que participou Darío Acuña, profesor emérito do Departamento de Fisioloxía da Universidade de Granada, avisou do impacto biolóxico negativo que ten o cambio horario nas persoas e apostou por manter o horario de inverno, ao ser máis equilibrado.

En concreto, o traballo argumenta que as variacións de luz ao longo das estacións son suaves para permitir a adaptación humana, suavidade que o cambio ao horario de verán rompe. Ademais, o horario de inverno evita o exceso de luz pola tarde e noite, considerado prexudicial para a saúde ao alterar o sistema cronobiótico das persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta