Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 24/04/2016 | Actualizada ás 15:55
A mandataria provincial evitou descartarse para as primarias do seu partido, aínda que asegura que agora mesmo non é o intre de tomar esa decisión. Polo contrario, deixa claro xa que non vai ser candidata á Xunta, porque di asumiu un compromiso de catro anos na institución provincial.
As palabras de Silva en Radio Galicia chegan despois de que Abel Caballero, un dos seus mentores políticos, lanzara unha xira para tratar de unir ao PSdeG. A política gabou a iniciativa do alcalde de Vigo para lograr que “o 100% do PSOE se xunte nun proxecto común”. Silva dixo compartir as propostas e Caballero e considera que os socialistas galegos están listos para un eventual adianto electoral.
Cuestionada sobre un posíbeis socios de goberno, Silva lanzou os seus dardos contra as mareas, tal e como ven facendo Caballero nas últimas semana. A presidenta da Deputación considera “aíndan non aterraron e eu creo que van a tardar un tempo, aínda sobrevoan a realidade e é bo que poñan os pés na terra porque hai xente agardando que gobernemos para eles”. É dicir, critica ás confluencias de esquerda pero asemade non rompe pontes de cara a un posíbel pacto postelectoral a nivel autonómico.
Fronte a suposta falta de contacto coa realidade das mareas, Silva presentou ao BNG como unha forza máis pragmática e, polo tanto, un socio máis probábel. “O BNG gobernou, coñece a administración, non son aventureiros, é moito máis doado con eles”, declarou. Cómpre lembrar que os socialistas chegaron a acordos co Bloque para compartir os gobernos provinciais de Pontevedra, Lugo; baixo liderado do PSOE.
En termos globais, estes acordos están a presentar moitas menos fisuras que as tensas relacións dos socialistas cos alcaldes das mareas naquelas cidades -como Ferrol, A Coruña ou Santiago- nas que hai gobernos das confluencias grazas, polo menos en parte, ao apoio de concelleiros socialistas.
Velaquí a entrevista completa de Silva na Ser:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.