Por GC Tendencias | Santiago | 27/04/2016 | Actualizada ás 11:40
A Cidade da Cultura organizará na Biblioteca e Arquivo de Galicia a exposición 'Rostros do país', un traballo no que o veterano fotógrafo Xurxo Lobato presentará un retrato colectivo de Galicia a través de 70 fotografías de gran formato realizadas ex profeso para este proxecto. Na escolma aparecerán persoeiros recoñecidos e cidadáns anónimos que representan eidos clave de Galicia.
Rostros do país, que se inaugurará o 15 de xullo e estará aberta ata o 18 de setembro, enmárcase na serie de traballos de fotodocumentalismo, como ‘Galegos na escaleira’, levados a cabo por Xurxo Lobato. “Trátase de coñecer e divulgar unha escolla de personaxes de Galicia como un modo de alimentar a autoestima colectiva e ter unha imaxe de nós mesmos como comunidades con potencia e talento”, explica o autor.
A exposición contará cunha instalación complementaria, un mapa de Galicia como un mosaico de pequenos retratos. Deste xeito, ábrese un proceso participativo convidando a todos os interesados a enviar a súa fotografía ao enderezo electrónico fotos@rostrosdopais.gal.
A mostra, patrocinada por Gas Natural Fenosa, coa colaboración da Fundació BancSabadell, ten como obxectivo ofrecer unha ‘radiografía’ e unha ‘visión plural’ da ‘Galicia máis dinámica’.
LOBATO
Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega de Belas Artes, Xurxo Lobato (A Coruña, 1956) ten recibido destacados recoñecementos polo seu traballo fotográfico, como o Premio da Crítica de Galicia 1991 ou o Premio Ortega y Gasset de Fotoperiodismo no 2003, coa súa famosa fotografía da proa do Prestige. Redactor xefe de Fotografía de La Voz de Galicia e colaborador de El País, desenvolveu unha carreira intensa nos eido dos medios de comunicación.
Director do festival de fotografía Olladas e coordinador do premio Luis Ksado da Deputación de Coruña, as súas imaxes forman parte de coleccións de institucións como o Museo Nacional Reina Sofía ou o IVAM de Valencia. Na súa traxectoria figuran tamén un número notable de exposición individuais, así como de colaboración editoriais con autores como Manuel Rivas, César Antonio Molina, Suso de Toro, Luis Carandell ou Gonzalo Torrente Ballester.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.