O alcalde de Ferrol pide solucións de vivenda adaptadas a "cada realidade" e con colaboración público-privada

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, mencionou a colaboración entre a administración local e a Xunta de Galicia para a recuperación de vivenda pública para casos de emerxencia social e a promoción de novas vivendas públicas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2025 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia



O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, insistiu na necesidade de abordar o desafío da vivenda "con solucións específicas para cada realidade urbana", á vez que destacou a importancia dunha colaboración estreita "entre o sector público e o privado".

Ditas declaracións trasladounas na mañá deste xoves na cidade da Coruña, durante a súa intervención na xornada 'A construción: a clave para o desenvolvemento de Galicia', celebrada na cidade herculina e organizadas por Appeco (Asociación Provincial de empresarios da construción da Coruña), nunha disertación na que contou como compañeira de mesa coa súa homóloga na Coruña, Inés Rey.

"Cando temos un reto destas dimensións é importante que traballemos unidos", detallou, valorando positivamente a celebración destas xornadas como un espazo para o diálogo e a cooperación.

O rexedor popular avogou por unha acción conxunta entre administracións e empresarios, facendo fincapé na necesidade de "pór chan a disposición, desburocratizar e simplificar" os procesos administrativos para facilitar a oferta de vivenda a prezos alcanzables.

UNHA CIDADE DE OPURTUNIDADES

Neste contexto, Rey Varela destacou a situación particular de Ferrol, unha cidade que, tras unha prolongada crise, ve na súa "debilidade" unha "oportunidade".

Destacou a dispoñibilidade de "chan residencial" e "vivendas a rehabilitar a prezos moi baixos", o que presenta un momento idóneo para "pór en valor todas esas vivendas que quedaron baleiras" tras unha crise poboacional de 40 anos que, segundo indicou, "acaba de cambiar".

Ademais, o alcalde referiuse a a construción de novas vivendas como outro factor crucial.

Neste ámbito, mencionou a colaboración entre a administración local e a Xunta de Galicia para a recuperación de vivenda pública para casos de emerxencia social e a promoción de novas vivendas públicas en barrios como O Bertón, ou tamén en Ferrol Vello, a través do Plan Rexurbe.

Actualmente, hai "máis de 500 novas vivendas en programación" en Ferrol, ás que poderían sumarse "outras 500 se o Estado habilita os terreos da súa propiedade, anteriormente pertencentes ao Ministerio de Defensa".

Rey Varela incidiu en que "cada cidade é unha realidade", e por iso avogou por "non buscar diferenzas, senón fórmulas de traballo conxunto".

Neste sentido, destacou a colaboración coa alcaldesa da Coruña, sinalando que, aínda que as medidas non teñen que ser sempre idénticas, existe unha "liña de actuación de defensa" e "dous intereses que compartimos plenamente", adaptando cada un as estratexias á súa propia contorna.

Rey Varela
Rey Varela | Fonte: CONCELLO DE FERROL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta