Os hospitais do Sergas seguiron activos durante o caos, traendo á luz a 39 bebés e atendendo 16 casos de ictus

Os centros de atención primaria galegos están a atender citas este martes con relativa normalidade, á vez que priorizan se chegan situacións urxentes e pacientes que precisan cargar os aparellos respiratorios

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2025 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

Os hospitais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizaron o luns, día do apagamento na península Ibérica, un total de 598 intervencións cirúrxicas, mentres que outras 259 "de carácter non urxente" tivéronse que suspender. A área sanitaria máis afectada foi a da Coruña-Cee, con 83 operacións que houbo que aprazar, seguida da de Santiago-Barbanza (69) e Vigo (69).

Ademais, rexistráronse 39 nacementos de bebés na sanidade pública galega desde que se foi a luz, ao redor das 12.30 do luns, e as 8.00 da mañá deste martes, cando xa se empezou a estabilizarse a subministración en todo o territorio; e os profesionais do 061 atenderon 16 casos de ictus que acabaron sendo trasladados. Son datos que ofrece a Xunta nun comunicado emitido na tarde deste martes, xornada na que os hospitais e os centros de atención primaria xa están a volver á normalidade, retomando a súa actividade común pero condicionada polo corte de luz e a caída de aplicacións informáticas e as telecomunicacións, o cal provoca atrasos e deficiencias no servizo.

En todo caso, tal e como ratificaban a Europa Press pola mañá fontes dos sindicatos e traballadores, "en todas as áreas sanitarias está a atenderse con carácter preferente" as situacións marcadas como prioridade 1 e as intervencións urxentes. Neste contexto, a Consellería de Sanidade traballa "para recuperar plenamente as funcionalidades da historia clínica electrónica", que aínda rexistra incidencias pola desconexión sufrida o luns. Sanidade "agradece a responsabilidade da cidadanía e recoñece o esforzo de todo o persoal" do Sergas "que fixo posible manter a asistencia en todo momento a pesar das extraordinarias dificultades".

POR ÁREAS SANITARIA

A área sanitaria da Coruña-Cee foi a máis afectada as suspensións de cirurxías programadas, cun total de 83 que tiñan carácter non urxente, aínda que si se realizaron outras 94. Os hospitais están a retomar a súa actividade en consultas, probas e cirurxías, igual que os centros de saúde, que non entanto presentan "algúns problemas puntuais".

Pacientes e acompañantes ás portas do Hospital Clínico de Santiago tras o apagamento eléctrico do 28 de abril de 2024.
Pacientes e acompañantes ás portas do Hospital Clínico de Santiago tras o apagamento eléctrico do 28 de abril de 2024. | Fonte: Europa Press

Na área de Vigo, todos os hospitais públicos --Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Pena-- manteñen a actividade programada despois das 105 operacións realizadas o día do apagamento, con outras 64 que se aplzaron. Tamén os centros de saúde operan "con relativa normalidade". Ao sur da provincia de Pontevedra, nos de Arbo e As Neves, rexistráronse maiores complicacións nas últimas horas por falta de electricidade, pero a Xunta confirma que "xa contan con conexión".

En canto á de Santiago-Barbanza, a normalidade recupérase "paulatinamente", xa que se está realizando a actividade cirúrxica programada e as consultas, pero con atención preferente á prioridade 1 e as urxencias. O luns fixéronse 92 cirurxías, mentres que as suspendidas ascenderon a 69. Os centros de saúde tamén fan xa actividade común con algunha excepción, como os de Santiso e Toques, que aínda non teñen luz.

Na de Lugo-A Mariña-Monforte, "con carácter xeral" mantense a actividade hospitalaria programada, despois de que o luns realizáronse 110 operacións e suspendéronse outro oito non urxentes. En primaria, hai "problemas puntuais" nos centros de saúde de Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla e Quiroga, onde non se restableceu a subministración eléctrica na súa totalidade e funcionan aínda con xeradores.

Na área de Ferrol, a actividade nos centros de saúde "está normalizada" en "a práctica totalidade", con incidencias puntuais de carácter técnico. Así mesmo, mantense a actividade dos quirófanos este martes nos hospitais Arquitecto Marcide e Naval, tras as 50 operacións que se realizaron o luns e as outras seis que houbo que suspender.

No caso da área de Pontevedra-O Salnés, a actividade hospitalaria "está normalizada" e "non hai agora mesmo ningún centro de saúde sen subministración eléctrica", polo que se mantén todo o que estaba programado. O luns realizáronse nesta área 58 intervencións, mentres que outras 14 non urxentes tivéronse que aprazar.

Finalmente, na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, a situación é de "relativa normalidade" en todas as súas instalacións fóra dalgún centro de saúde, que ten "algún problema puntual coa subministración". Así, o luns realizáronse 89 intervencións cirúrxicas, aínda que houbo que suspender outras 15.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta