Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2025 | Actualizada ás 17:42
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia atendeu máis de 900 incidencias e unhas 3.000 chamadas desde a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) este pasado luns. En concreto, rexistrou ata 2.899 chamadas e coordinou a xestión de 931 incidencias en todo o territorio galego despois de que a Xunta decidise activar o Platerga polo apagamento eléctrico vivido durante toda a xornada.
Na actualidade, este Plan continúa activo en nivel 3 (emerxencia nacional), aínda que o Goberno galego anunciou que pedirá ao estatal reducilo de novo ao nivel 2, para así retomar a coordinación autonómica da situación. Entre as incidencias vividas este luns que destaca o 112 Galicia, insiste na cantidade de avisos que alertaban de que había persoas atrapadas en ascensores, "consecuencia directa do corte xeneralizado da subministración eléctrica que afectou á Comunidade".
Pola súa banda, este martes, os servizos de emerxencia tiveron que desprazarse a Taboadela (Ourense), onde tres persoas resultaron falecidas en torno ao mediodía por unha posible intoxicación de monóxido de carbono. Ademais, en Rianxo, dúas persoas foron evacuadas a un centro hospitalario debido tamén a unha posible intoxicación por monóxido de carbono.
OUTRAS TRES MORTES POR CAUSAS NATURAIS NOTIFICADAS
Así mesmo, segundo recolle o 112 Galicia e apuntou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, esta xornada tamén se notificou a morte doutras tres persoas que, segundo fontes da Xunta consultadas por Europa Press, falecerían por causas naturais. En concreto, trátase dun home de 59 anos con distintas patoloxías que foi achado morto en Ferrol despois de que a súa sobriña o botara en falta; outro home de 81 anos de Betanzos, que apareceu falecido esta mañá, e un home de Dumbría, de 86 anos.
A XUNTA RECOMENDA NON BAÑARSE EN PRAIAS E RÍOS
A Xunta recomendou non bañarse en praias e ríos durante as próximas 24 horas por falta de tratamento de augas con motivo do apagamento. Nunha mensaxe a través de redes sociais na tarde deste martes, o Executivo galego lanza este aviso como "medida de precaución". "Esta prevención débese a que a falta de subministración eléctrica provocou que parte dos caudais non puidesen ser tratados con normalidade", explica. Precisamente, este mesmo martes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que haberá "limitacións" para o baño nas praias nos próximos días, xa que a planta depuradora estivo paralizada varias horas e estivo "a aliviar" no mar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.