A Mesa e escritores galegos apostan por "combatir na rúa e nas institucións" a política de "exclusión do galego"

Presentan ante a ONU o informe sobre a situación do galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2025 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, presentaron este martes o informe da situación do galego na sede das Nacións Unidas en Xenebra. Concretamente, o informe foi presentado ante o Comité de Dereitos Humanos da ONU.

Nun comunicado explican que o documento sinala os "incumprimentos" de acordos internacionais en relación aos dereitos lingüísticos por parte do Estado e, "principalmente", por parte da Xunta. Estes incumprimentos, inciden, afectan á educación e dereitos da infancia, prevención do acoso por razón de lingua, dereitos civís e dereitos políticos, administración de xustiza, dereito ao propio nome, liberdade de prensa, administración e servizos públicos, toponimia, forzas e corpos de seguridade, audiovisual, concesións públicas de xestión privada e ámbito económico e laboral ou saúde.

"Traemos á ONU a voz da rúa, que se mobilizou en novembro e febreiro a favor do galego, vital para Galicia, e dos miles de persoas que en maio volverán encher Compostela cunha multitudinaria festa polo idioma", reivindicou Maceira. Nesta liña, alegou que a política de "exclusión do galego" debe ser "combatida nas rúas e nas institucións que teñen como obxectivo garantir os dereitos humanos e o poder usar a lingua propia sempre e en todo lugar nun dereito humano". "O 17 de maio será de novo a expresión da nosa forza colectiva", concluíu.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, presentan este martes o informe da situación do galego na sede da ONU en Xenebra. A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, presentan este martes o informe da situación do galego na sede da ONU en Xenebra. A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA | Fonte: Europa Press

AELG

Pola súa banda, o presidente da AELG agradeceu o apoio internacional concretado no "apelo á fraternidade" coa situación do galego, que asinan 26 figuras relevantes da cultura de países lusófonos. "O galego, berce do portugués, o corazón e a vida de Galicia, está en emerxencia no seu territorio orixinario", afirmou.

"Os escritores e escritoras estamos a ser excluídos da nosa función de construtores do idioma, impedindo que as nosas obras en galego poidan ser socializadas", lamentou Cesáreo Sánchez. Así mesmo, criticaron que o Estado, e máis concretamente a Xunta -- "que ten competencias na maioría dos ámbitos" --, "continúan rexeitando a aplicación das resolucións do Comité de Ministros do Consello de Europa.

"Esta situación explica en gran medida a perda continuada de falantes", denunciou Maceira, "mentres a Xunta, no canto de cumprir os acordos nacionais e internacionais, continúa lexislando en contra e impedindo un uso normal do galego". Sobre isto, referíronse a a eliminación das garantías lingüísticas nos campamentos de verán ou á aprobación da última lei sobre a CRTVG que, critican, "abre a porta a que deixe de usar o galego".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta