Por Galicia Confidencial | Vigo | 10/05/2016 | Actualizada ás 13:43
Facilitar a realización de actividades conxuntas entre a comunidade investigadora vinculada á Universidade de Vigo, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Biomédica Galicia Sur. Este é o principal obxectivo dun acordo de colaboración asinado no Hospital Álvaro Cunqueiro polo reitor da universidade viguesa, Salustiano Mato; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente do padroado da Fundación Biomédica Galicia Sur, Félix Rubial.
Mediante este acordo, que ten unha vixencia de catro anos, as tres entidades comprométense a potenciar a colaboración entre profesionais sanitarios e facultativos que desenvolvan actividades de investigación científica. Así, poderán transformar os seus coñecementos, capacidades e potencialidades en solucións que respondan aos retos e necesidades do sistema sanitario e dos seus usuarios.
O principal obxectivo é potenciar a posta en marcha de proxectos conxuntos entre membros da Universidade de Vigo e aqueles vinculados aos centros sanitarios do Sergas, á Fundación Biomédica Galicia Sur e a ACIS (Axencia galega para a xestión do coñecemento en saúde) que poderán desenvolver a súa actividade investigadora nas Estruturas de Xestión Integrada de Vigo; Pontevedra e Salnés; e Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Isto supón que os investigadores de calquera das institucións asinantes poderá utilizar as dependencias das outras dúas institucións, facilitando deste xeito o uso racional dos recursos e as sinerxías entre profesionais.
O acordo fará máis eficaz a transferencia á sociedade dos avances científicos obtidos no diagnóstico, prevención e tratamento de enfermidades
Este uso compartido de dependencias de investigación facilitará tamén a integración da investigación básica e clínica desenvolvida na contorna das institucións asinantes —unidades e grupos de investigación da Universidade de Vigo e das Xerencias de Xestión Integrada de Vigo, Pontevedra e Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras— posibilitando e facendo máis eficaz a transferencia á sociedade dos avances científicos obtidos no diagnóstico, prevención e tratamento de enfermidades.
Coa sinatura deste acordo a comunidade investigadora da Universidade de Vigo terá pois acceso, entre outras, á Área de Investigación do Hospital Álvaro Cunqueiro, dotada de 1.800 metros cadrados de laboratorios nos que se investiga en diversos campos: enfermidades psiquiátricas e neurodexenerativas, patoloxía cardiovascular, enfermidades hereditarias e oncoloxía, etc., e doutra banda, o persoal vinculado ao Sergas e a Fundación Biomédica Galicia Sur poderá así mesmo compartir espazos e proxectos cos diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo vinculados ás ciencias da saúde (inmunoloxía, endocrinoloxía, neurociencia, microbioloxía, saúde pública, etc.) O obxectivo é desenvolver unha colaboración estable e ampla na procura dunha investigación de excelencia que contribúa a mellorar a calidade de vida da poboación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.