Por Galicia Confidencial | Santiago/Londres | 26/05/2016 | Actualizada ás 10:00
Os coñecidos como 'Papeis de Panamá', a maior filtración da historia do xornalismo, con 11,5 millóns de documentos extraídos do bufete Mossack Fonseca, tamén teñen unha conexión directa co mundo da arte, en particular. Algúns dos documentos revelados amosan que tanto compradores como vendedores de pezas de arte de gran valor utilizan os mesmos subterfuxios que empresarios, financeiros, dictadores, políticos e defraudadores de impostos a nivel mundial. A utilización de sociedades offshore é algo común no mercado millonario da arte, no que son moitos os ricos que invisten como un valor seguro. Os propios xornalistas que participaron neste caso aseguran que cos rexistros que figuran na base de datos dos 'Papeis de Panamá' poderíase montar un museo. Nesta lista aparecen nomes como o dos Nahmad —unha das familias de coleccionistas máis importante do mundo—, o magnate chinés Wang Zhongjun, a neta de Picasso, Marina Ruiz-Picasso, ou a familia Thyssen-Bornemisza. Inspirándose nestes casos, unha galería de Berlín organizou unha mostra de pintura tras a cal se atopa o nome dun artista galego: Daniel de Isabel.
A mostra, aberta desde o 29 de abril, auspiciada pola galería Neu West Berlin e titulada 'Panama Paintings', foille encargada ao artista alemán con base en Londres Philipp Ackermann, informa o xornal británico The Guardian. Pero malia que nas pinturas exhibidas figura o nome de Ackermann, en realidade detrás están as mans do pintor galego Daniel de Isabel, cuxo nome real é Daniel Díaz Piñeiro (A Coruña, 1975). El foi o autor das obras de arte inspiradas nos 'Papeis de Panamá'.
Daniel de Isabel leva anos instalado no multicultural e artístico barrio berlinés de Kreuzberg. Coa intención de imitar a duplicidade das relacións dos 'Papeis de Panamá', Ackermann encargoulle ao artista galego a creación das pinturas para expoñer na Neu West Berlin, galería que asume a función dunha sociedade offshore que se ocupa das 'pinturas offshore', seguindo este xogo artístico co caso do bufete Mossack Fonseca.
Ademais, Ackerman inspirouse para este proxecto no rebumbio mediático causado por estas filtracións. Segundo o propio Ackerman, cuestións de autoría e dereitos de autor tamén entran en xogo neste proxecto, para o que o artista alemán recurriu ao galego Daniel de Isabel para plasmar a súa idea.
MAN INVISIBLE
Todo comezou cando o comisario da Neu Berlin West, Matthias Crause, convidou a Ackermann a exhibir nun curto prazo de tempo. Con só dous meses para armar a mostra, Ackermann valeuse do concepto de aforro de tempo co que xa traballara antes. E así, á súa vez convidou ao comisario a actuar como axudante e pintar algunha copia do seus cadros. Pero o que fixo Crause foi encargarlle as copias a Daniel de Isabel, nun xogo que o propio Crause chama "pintar cunha man invisible". Así, puxo en contacto a Ackermann e o artista galego, que en ningún momento estiveron xuntos.
O que fixo Ackermann foi darlle instrucións a Daniel de Isabel sobre cómo facer as obras a través do teléfono e do correo electrónico. Ackermann limitouse a dirixir o traballo da exposición dende o seu estudo en Londres, tentando imitar os procesos das sociedades offshore e dos seus actores.
O concepto baséase na teoría do filósofo Robert Nozick da "man invisible", ou en palabras de Ackermann, "ordes que dan a impresión de que foron creadas por unha autoridade central", segundo explica o artista alemán en The Guardian.
No caso deste proxecto, o único que evade aquí o artista é o pincel, o esfozo e algúns gastos de envío. O obxectivo, segundo Crause, era facer que as pinturas se parecesen ao que o comisario chama "un negocio offshore encuberto".
Entre as obras expostas atópase, por exemplo, unha interpretación abstracta de Ackerman de 'Home sentado cun bastón' (1918), de Amedeo Modigliani, que foi á súa vez pintada por Daniel de Isabel coas instrucións dadas por Ackerman, expoñéndose unha versión doutra versión dun orixinal.
Ao igual que no caso dos 'Papeis de Panamá', o nome do verdadeiro autor dos 'Panama Paintings' —Daniel de Isabel— só foi revelado polos medios de información.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.