Folla de ruta para impulsar o Porto Seco de Monforte

Distintas entidades e administracións destacan a necesidade de coordinar esforzos para poñer a andar o que hoxe por hoxe é o único posto seco de Galicia en condicións de operar.

Por X.M. Fernández | Monforte | 24/05/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O pasado venres tivo lugar na cidade do Cabe o Foro sobre o Porto Seco de Monforte, acto que presidiron o alcalde José Tomé e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e no que participaron, entre outros, as alcaldesas de Lugo e de Sarria e o presidente da Fegamp, Alfredo García.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Fegamp, Alfredo García; o alcalde de Monforte, José Tomé e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Fegamp, Alfredo García; o alcalde de Monforte, José Tomé e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao | Fonte: Fonte: Prensa Concello de Monforte

O rexedor monfortino compareceu co máximo responsable do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), Javier Aguilera, e co presidente da Fegamp e alcalde do Barco, Alfredo García. Os tres estiveron de acordo na necesidade de coordinar esforzos para poñer a andar o que hoxe por hoxe é o único posto seco de Galicia en condicións de operar.

Este proxecto de plataforma loxística conta con quince anos de historia e xa se teñen realizado outros foros coma este. A diferenza dos anteriores a finalidade do encontro era ir máis alá do debate e chegar a conclusións e compromisos concretos para avanzar. Segundo palabras do mandatario local: “O que pretendemos é elaborar unha folla de ruta que indique os pasos a seguir para converter en realidade o que no seu día foi deseñado como plataforma loxística de Galicia, equidistante dos portos galegos, situada na confluencia de liñas de ferrocarril que comunican coa Meseta e con Europa”. 

Tomé destacou tamén que este encontro tiña que servir como parte dunha nova estratexia de traballo para facer que o Porto Seco sexa útil para o reequilibrio económico entre a Galicia atlántica e a Galicia interior  e para abordar con outros interlocutores implicados os problemas da provincia de Lugo. Así, pois, agradeceu a presenza das rexedoras de Lugo e Sarria e referiu tamén o apoio do conselleiro de Economía, Francisco Conde, que segundo dixo “comparte esta estratexia de traballo conxunto e de colaboración entre Administracións”.

Dándolle unha transcendencia internacional, José Tomé referiuse ao Porto Seco como clave do transporte marítimo incidindo na necesidade de estar preparados para cando entre en servizo o novo Canal de Panamá pois daquela o transporte por mar aumentará considerablemente e a fachada atlántica da Península Ibérica tanto de Galicia como de Portugal deben xogar un papel determinante. E no plano interior non esqueceu apuntar que co potencial ferroviario de Monforte non se pode perder o tren de Palencia para as mercadorías, como ramal da Rede Transeuropea de mercadorías do Atlántico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta