Lara Méndez: “As forzas de esquerda temos o deber de entendernos”

A rexedora de Lugo aposta claramente por un pacto das esquerdas se non hai maiorías absolutas, tanto nas xerais, como nas autonómicas e insiste que hai que ter “altura de miras” porque é o que piden os cidadáns. Insiste en non postularse por ningún candidato aínda que aclara que Fernández Leiceaga foi o primeiro en dar o paso porque tiña un proxecto “claro” para o PSdeG e que “outros estiveron esperando”. Nesta entrevista con GC tamén critica a Feijóo por acudir a Lugo a “vender fume”. Vídeo de Óscar Dacosta e Martín Barreira no Interior.

Por Xurxo Salgado | Lugo | 26/05/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Lugo, pódeo dicir máis alto, pero non máis claro: aposta por un pacto entre o PSdeG e as forzas de esquerda, nomeadamente, as mareas e o BNG para que haxa cambios nos concellos e, sobre todo, no Goberno do Estado e Xunta. “Temos o deber de entendernos porque a cidadanía non quere maiorías e así o demostran en todas as administracións... E todos temos que ter capacidade de ter esa xenerosidade porque esa capacidade de acordo implica, moitas veces, ceder. Por iso hai que ter altura de miras”, apunta.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo | Fonte: Óscar Dacosta

Neste sentido, destaca o acordo ao que chegou en Lugo para a aprobación dos orzamentos e non descarta que Lugonovo poida entrar no goberno do concello. “A porta segue aberta porque nós nunca a pechamos. Hai unha sintonía boa de capacidade de diálogo e, ás veces, chegaremos a acordos e outras non. Pero iso non significa que non haxa disposición de buscar o ben común, que é o ben da cidadanía”, sinala.

Por iso, considera que non querer pactar coas Mareas é un plantexamento erróneo e apunta que, no caso de que o candidato do PSdeG á Xunta sexa José Luis Méndez Romeu “terá a capacidade de sentar a dialogar e falar”.

“Estamos nun novo momento, nunha nova etapa e iso se ten que visualizar nas formas, nos feitos e nas propostas. E, evidentemente, eu xa teño a decisión tomada. Pero, ao final, no PSOE os que falamos somos os militantes desde a base”, apunta, precisamente, sobre esas Primarias que terán lugar este sábado.

Así, destaca que “a ninguén se lle escapa” que Leiceaga foi o primeiro en dar ese paso e o primeiro en saír públicamente porque “dicía que tiña proxecto e programa para o PSdeG e gañas de cambiar a situación en Galicia”. “Outros estiveron esperando porque non o tiñan claro. Por iso digo eu que se non hai unha candidatura de despacho será a da persoa que dá o primeiro paso, paréceme a min”, engade.

Sobre o ex secretario xeral, José Ramón Besteiro, di que aínda “ten moito futuro” como político e que, aínda que está moi doído por ter que dimitir, “deu un paso atrás polo ben do seu partido para non prexudicalo, nin tampouco a Galicia”.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no balcón do pazo do concello
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no balcón do pazo do concello | Fonte: Óscar Dacosta

Lara Méndez tamén critica duramente ao PP por chegar con anuncios electoralistas cando hai eleccións. “Tentan vender e facer o que non fixeron durante catro anos”, di e lembra que xa en 2011 prometeron medicina nuclear e radioterapia para o HULA e “aínda seguimos esperando”.


Estarás aliviada?
Aliviada polos orzamentos?

Si, claro. A iso vou...
Alegría non é o adxectivo. Estou satisfeita porque os orzamentos son o instrumento máis importante que ten un concello, aínda que se poden traballar con contas prorrogadas. Pero sen unhas contas novas non se poden facer novos proxectos. Por iso estou moi satisfeita de que se aprobaran os orzamentos e, en segundo lugar, de poder trasladar á cidadanía de que fomos capaces de sentarnos, dialogar e acordar. E iso é moi importante. Que a xente vexa que podemos negociar.

Pero esas negociacións foron duras?
Foron duras porque nos estamos adaptando todas as forzas políticas ao novo escenario e porque non é o mesmo falar cunha que con cinco forzas políticas. E logo están os prazos e a disposición dalgúns grupos, que non todos están dispostos a falar. Dentro de cada forza política hai un sistema diferente para falar. Ao mellor ese é o prezo da fragmentación e é un custe que temos que asumir.

En todo caso, como foi ese acordo con Lugonovo?
Nos comezamos en decembro e comezamos cos que nos deron o apoio na investidura e, ademais, cos que temos máis semellanzas programáticas, aínda que falamos con todos. Pero foi con Lugonovo e co BNG que son cos que maior sintonía houbo. Con outros tamén nos puxemos en contacto, pero non houbo tanta sintonía. Finalmente foi Lugonovo o máis receptivo porque aceptamos moito do que pedían. Tamén aceptamos do BNG, case o 80% das súas propostas, aínda que decidiron non apoiarnos e absterse. Pero con tempo, paciencia e con esa capacidade de decisión e xenerosidade chegamos a aprobalo, porque é certo que tamén nós deixamos algunhas cousas que considerabamos importantes. En todo caso, hai barreiras que, para nós eran infranqueables, como a inversión en servizos sociais , en empregabilidade, en investimento en dinamización económica e que tiñan ese denominador común coas forzas de esquerda.

E ti cres que ese acordo con Lugonovo pode sumpoñer o inicio dunha longa relación?
Si, pero o inicio desta longa relación comezou o 14 de xuño do 2015 no momento en que nos deron esa confianza. É certo que durante os primeiros meses tivemos que adaptarnos todos. Isto é unha aprendizaxe para moitos. Algúns temos experiencia noutras administracións. Outros non tiñan e, por iso, ese período de adaptación temos que pasalo todos. Nós evidentemente temos moitos puntos en común e así se evidencia nas sesións plenarias. E a inmensa maioría das propostas pois saen aprobadas.

Son máis preciso. E cres que isto pode facilitar a súa entrada no goberno que é o que buscabas desde o primeiro momento?
Nós nunca nos negamos. A porta segue aberta porque nós nunca a pechamos.

Pero ti ves que eles teñen máis predisposición agora?
Si, porque teñen máis coñecemento da propia administración e dos seus tempos que, ás veces, non son os que queremos. Hai unha sintonía boa de capacidade de diálogo e, ás veces, chegaremos a acordos e outras non. Pero iso non significa que non haxa disposición de buscar o ben común, que é o ben da cidadanía.

Aquí chegades a acordo, na Coruña tamén, en Ferrol hai un goberno conxunto. Semella que no espazo municipal frutifican eses acordos. E por que non a nivel galego, agora que tedes un proceso interno de selección no que hai sensibilidades moi encontradas?
Eu penso que cada concello ten a súa sensibilidade. En Ferrol chegaron xa a un pacto de goberno desde o principio.

Con altos e baixos...
Si, claro. Nós non chegamos a un pacto de goberno de inicio, pero é certo que as relacións se foron fortalecendo a base de sentarnos a negociar. Por iso, cando falaba da aprobación dos orzamentos destacaba a importancia do diálogo. E que temos o deber de entendernos porque a cidadanía non quere maiorías e así o demostran en todas as administracións. Queren distintas forzas políticas que poidamos sentarnos e chegar a acordos para solventar os problemas. E nós, esa capacidade, no Concello de Lugo, penso que a demostramos. E penso que debía ser de forma xeral. Imos ter agora uns comicios estatais que darán, outra vez, un mapa fragmentado, co cal ten que haber un acordo para establecer un goberno porque, senón, non ten sentido o cambio. E todos temos que ter capacidade de ter esa xenerosidade porque esa capacidade de acordo implica, moitas veces, ceder. E logo hai outros comicios autonómicos e a situación vai ser, tamén similar. Por iso hai que ter altura de miras.

Aí vou. É que vós tedes agora un proceso interno de eleccións e hai un candidato que dixo que el non vai pactar coas mareas. Se triunfa este candidato, a priori, será difícil que haxa un posible acordo de goberno do cambio en Galicia.
A min, evidentemente, pareceme un plantexamento erróneo. Non só é unha necesidade, senón que é unha obriga, porque senón non chegamos para mudar as cousas. Se nós non tiveramos a capacidade, como forzas políticas, de escoitar e tentar asumir plantexamentos doutras forzas políticas, incluídos os orzamentos do goberno, pois teriamos un grave problema porque significaría que estariamos sen orzamentos. E ao final isto repercutiría na cidadanía. Por iso, se todos somos conscientes de que estamos nun momento de fraccionamento de forzas, é evidente, que temos que chegar a acordos. Por iso penso que o seu plantexamento é erróneo, aínda que quero entender que se, ao final, é Méndez Romeu o noso candidato, pois que terá a capacidade de sentar a dialogar e falar.

Oficialmente non te postulaches aínda por ningún candidato. Segues mantendo ese silencio oficialmente?
Eu teño o candidato, obviamente. Estamos nun novo momento, nunha nova etapa e iso se ten que visualizar nas formas, nos feitos e nas propostas. E, evidentemente, eu xa teño a decisión tomada. Pero, ao final, no PSOE os que falamos somos os militantes desde a base. E presumo diso porque nós temos este procedemento regrado desde hai moitos anos e está recollido nos nosos Estatutos. E, por iso, quen fala para elixir aos nosos candidatos e propostas son os militantes de base. Por iso hai que ser respectuoso con todos os militantes que teñen unha ou outra opción. Non se trata de capacidades ou valías, que eu llela presupoño aos dous candidatos, senón dun novo escenario político e dun plantexamento resolutivo.

Pero quen si se posicionou claramente é o teu antecesor no cargo, López Orozco, apoiando a Méndez Romeu?
Eu apoio esa opinión, pero todos temos as nosas. Hai quen o manifesta públicamente e hai quen non. Pepe Orozco e Méndez Romeu coñécense desde hai tempo, coincidiron en distintas etapas políticas e é lóxico que poida haber unha afinidade.

É do que se fala últimamente. Que Xaquín Fernández Leicega está apoiado pola Executiva federal, e Méndez Romeu, está respaldado polos baróns do partido en Galicia; Orozco, Pachi Vázquez, Pepe Blanco, Abel Caballero...
Os candidatos foron os que, voluntariamente, decidiron dar un paso adiante. A ninguén se lle escapa que Leiceaga foi o primeiro en dar ese paso e o primeiro en saír públicamente porque dicía que tiña proxecto e programa para o PSdeG e gañas de cambiar a situación en Galicia. Foi a persoa que saíu en primeiro termo. Outros estiveron esperando porque non o tiñan claro. Por iso digo eu que se non hai unha candidatura de despacho será a da persoa que dá o primeiro paso, pareceme a min. En todo caso, entrar nestas cousas creo que non nos beneficia a ninguén. Cada un debe ter a súa postura. Eu téñoa, pero evidentemente, imos a falar todos e todas as militantes socialistas e o que debemos ter claro é que, saia quen saia, ten que ser o vindeiro presidente da Xunta de Galicia para cambiar as políticas nefastas de Núñez Feijóo.

Lembras que hai seis meses estiven aquí
Si, claro.

E lembras o que falamos entón de José Ramón Besteiro?
Para min é o candidato e o futuro presidente de Galicia. Eu sigo mantendo o mesmo. Estou convencido de que se tivera a opción de presentarse, que lla segaron, pois sería o vindeiro presidente da Xunta.

Pero, precisamente, falamos daquela da posibilidade de que non fora, precisamente, por un tema xudicial. Como ves agora a José Ramón?
Pois está doído porque, obviamente, non é unha decisión voluntaria. Cando tomas unha decisión porque non é, a priori, a que querías tomar pois, evidentemente, estás frustrado porque tiña gañas e tiña proxecto e gañas de cambiar o rumbo de Galicia e practicar as políticas que, durante oito anos, estivo practicando na deputación. Por iso está frustrado e está doído. Pero, por outra banda, moi sereno e moi tranquilo porque, deu un paso atrás polo ben do seu partido para non prexudicalo, nin tampouco a Galicia.

Ti pasaches polo mesmo hai cinco anos. Fuches imputada durante moito tempo e hoxe es alcaldesa. Pensas que José Ramón no futuro pode volver reincorporarse na política?
Totalmente. José Ramón ten moito futuro político. É unha persoa cunha gran valía, cun gran coñecemento. É unha persoa que chega á cidadanía... É un líder e un referente do PSdeG. Ao mellor non ten opción agora pero seguro que terá opción de xogar un papel relevante no futuro. E como militante activo seguirá aportando moito hoxe.

Tamén hai meses falamos do señor Martínez. Pasaron seis meses e o señor Martínez segue sendo militante socialista facendo e desfacendo...
Non é militante socialista.

É certo. Está suspendido, pero non expulsado
Nós non podemos expulsar a calquera persoa á lixeira. Temos un proceso no que cada militante tamén se pode defender. Somos moi respectuosos co procedemento e cos prazos do procedemento. Ese procedemento de expulsión está iniciado e, por iso, a día de hoxe, non é militante. Unha vez que finalice o proceso pois xa se verá.

Pero é que o proceso xa leva máis de cinco meses. Non cres que é unha tomadura de pelo ter a unha persoa no PSdeG que está prexudicando enormemente a este partido?
Non se trata de que sexa ou non militante do PSdeG porque esa actitude vaina seguir mantendo. Pero nós temos que ser escrupulosos cos estatutos.

E como ves o que está facendo?
Pois el e o PP están paralizando unha administración que durante oito anos fixo políticas que axudaron moito ao saneamento da provincia. Por iso vexo todo o que está pasando con moitisima tristeza E, en segundo lugar, cunha rabia contida, porque ao final, quen está pagando os egos persoais de dúas persoas, son todos os lucenses.

Volvamos ao concello, que está máis tranquilo. Quitando os orzamentos, que se fixo este ano, porque hai críticas de que pouco se fixo?
Fíxose un gran traballo de xestión e, sobre todo, un gran traballo para asentar as bases da lexislatura. É iso, a pesar de que somos un goberno minoritario numéricamente e con dous concelleiros que non teñen adicación excusiva e teñen que manter a súa vida laboral e profesional. Co cal, isto fai que que non poidamos estar ao detalle e complica a xestión do goberno. Iso suplímolo con moitas ganas, moito traballo, moita ilusión e moitas horas ao pé do canón. E imos sacando as cousas para adiante. Pero estamos agora tentando reorganizarnos para executar todo con maior celeridade unha vez que xa se aprobaron os orzamentos. Pero neste tempo xa levamos feitas obras, infraestruturas básicas para o concello no rural e na zona urbana, captación de fondos coa posibilidade de chegar a 33 millóns de euros, impulso da economía local, divulgación da rede de museos para captar turismo que é un motor económico importante para esta cidade

E os retos futuros que tes agora xa cos orzamentos aprobados?
Pois executalos en sete meses, que tampouco ese é o maior reto. Logo tamén realizar as ordenanzas aprobadas e traballar nun mellor réxime fiscal para os lucenses. Pero tamén é certo que imos que ter que executar na metade de tempo uns orzamentos que deberían estar xa aprobados a principios de ano.

E como ves o traballo da Xunta en Lugo. Curiosamente, nos últimos consellos da Xunta hai supostas inversións millonarias para a cidade coincidindo, ademais con eleccións...
Pois son anuncios electoralistas e a primeira sorprendida fun eu. Sobre todo, por como foi o proceso porque nós pedimos unha entrevista coa conselleira sobre o Auditorio de Lugo, por exemplo, e non souben nada ata o anuncio de Feijóo no último Consello da Xunta anunciando 1,5 millóns que son insuficientes dado que as previsións falan de 5 millóns. E fíxoo sen dicirnos nada, ninguneando, novamente, aos lucenses. O que pasa é que están en campaña electoral. E así veñen os conselleiros por Lugo de peregrinaxe pero sen nada concreto debaixo do brazo, só para xustificar a ausencia de políticas da Xunta na cidade nos últimos anos. Por iso, insistiremos no seguinte pleno que Feijóo se comprometa xa, definitivamente, a destinar os fondos que restan para a intermodal porque somos a única cidade galega que carece de fondos para esta fin.

Xa falas de que estás en campaña electoral. E ti como ves estes comicios?. cres que se van volver repetir os resultados?
Eu das xerais penso que haberá variación de deputados pero vai ser mínima porque hai moita fragmentación electoral. Por iso andan no Partido Popular a tentar vender e facer o que non fixeron durante catro anos. Aquí en 2011 prometeron medicina nuclear e radioterapia para o HULA e aínda seguimos esperando.

E cres que é o momento para quitar a Feijóo do poder?
Si, si, evidentemente. Ten que ser o momento. Tamén penso que os cidadáns xa están cansos e o que queren son feitos e compromisos, e non palabras. Porque, ao final, ten unha a sensación de que lle están tomando o pelo. E o señor Feijóo lévalle tomando o pelo aos lucenses durante moitos anos.

Pero isto depende da oposición; dun PSdeG que está nun proceso de confrontación interna importante e dunhas mareas que non teñen, tampouco, un líder claro?
Evidentemente, claro. E, curiosamente, Feijóo anuncia que se volve presentar cando José Ramón Besteiro anuncia que non se volve presentar. Coincidencias?, pois pode ser, quen sabe... Pero é obvio que temos que aproveitar as oportunidades. É unha obriga que temos polo ben de Galicia.

E xa para rematar. Entendo que ti es partidaria dun goberno para quitar a Feijóo do poder, aínda que iso implique un pacto coas mareas ou outras forzas, sexa o PSdeG primeiro ou as mareas segundo ou ao revés?
E que do que estamos falando é de seguir con esas políticas destrutivas que non nos levan a ningún lado ou, realmente, temos a capacidade e a obriga de buscar un goberno progresista e de esquerdas que pense na cidadanía e nas persoas. Eu penso que a elección é clara.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, nun momento da entrevista co director do GC, Xurxo Salgado
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, nun momento da entrevista co director do GC, Xurxo Salgado | Fonte: Martín Barreira
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

6 kapullinski

Autoentrevista. Autobombo

5 Abelardo X del Caño

ay comunistilla de pastel (cuantos becarios explotados se esconden tras esa denominación??) terminarás mentando a la madrede curro jiménez o a la del algarrobo....y si no al tiempo, porque razones, razones.....salvo tu pasta y tus coXXnes, nastic de plastic! Y recuerda lo que decía Anguita: Programa-Programa-Programa

4 Merco votos por poltronas

O estado colonial expañol para diferenciar os seus lacaios, deulles a cada partido unha cor. Para os PPinotxos o azul. Para Ciudadanos do "Blancanieves" Primo de Rivera, o laranxa. Para os "capullos" do PSOE o rosa. Para Podemos do Coleta, o mourado. E para os Beirallos de Anova e Garzóns de IU...todo o marrón.

1 Comunista

E para os sipaios do BnG-UPyG e os policías do MgS, negro. Negro de futuro, negro de loito polo finado, negro de diñeiro corrupto, negro de pufos coa banca española.

2 ¡Arrouba Egpaña!

Comunistilla da OTAN, o negro estiliza a figura...saca unto. Non son do BNG, pero tampouco son tan dos de Abalo, coma para ignorar que no vindeiro debate a 4 os galegos non existiremos. Ninguén dos mercenarios van gastar 1 minuto en visibilizar Galiza e os nosos problemas. Tampouco ren tan mouro coma un futuro no buraco negro Expaña cipaia do criminal, Otánico-sionismo en bancarrota, cunha debeda impagable que supera o PIB, e unha probeza do 25%. A Expaña prostibulo de franquistas e neo franquistas corruptos, da que os centralistas xacobinos "atrapalotodo" Podemitas coma di o ex neo liberal de Ciumarranos e pro invasión por bombas de destrucción mas-iva Echenique, son "o maior garante da sua unidade".

3 Merco votos por poltronas

O estado colonial para diferenciar os seus lacaios a cada partido deulle unha cor. Para o PP o azul. Para Ciudadanos de "Blancanieves" Primo de Rivera o laranxa. Para os "capullos" do PSOE o rosa. Para Podemos do coleta, o mourado. E para os Beirallos de Anova e Garzoneiros de IU...todo o marrón.

2 Gonza meira

O problema non é esta muller, que me parece moi sensata. O problema é que o seu partido vai levar unha host... coma un piano e, en vez de turrar xuntos, queren ir por libre. Como gañe o da Coruña imos ter Feijóo para rato. E de feito, os do PP é o que queren, que gañe toda a merdallada esa para logo poder gobernar en minoría.