Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/05/2016 | Actualizada ás 14:20
Os dous candidato socialistas ás primarias do PSdeG, José Luís Méndez Romeu e Xaquín Fernández Leiceaga, apuran as últimas horas de campaña sumando apoios. Así, mentres que o voceiro parlamentario do PsdeG rodeouse de mulleres no último día de campaña, o ex deputado e profesor universitario recibiu o apoio da plataforma En Positivo.
Méndez compareceu este venres rodeado de varias mulleres do seu partido, moitas delas cargos públicos, e proclamou que aspira a construír "o goberno da igualdade" para "impulsar o empoderamiento" feminino. "Só as mulleres con poder darán poder ás mulleres", salientou desde a sede do PSdeG, tras expresar o seu convencemento de que a presenza de mulleres á fronte das institucións leva importantes "cambios" nas políticas que se pon en marcha.
Entre as asistentes estaban a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; as deputadas e exdeputadas Carmen Gallego, Carmen Acuña, Marisol Soneira, María Quintas, Margarita Pérez Herráiz, Sonia Verdes e Carmen Cajide; a exsecretaria de Estado Laura Seara; e as líderes locais de Ferrol e A Coruña, Beatriz Sestayo e Mar Barcón, respectivamente.
"Mañá empeza o traballo para conquistar o goberno de Galicia", apelou Méndez Romeu, desde o convencemento de que existe un "sentimento" na sociedade de que "chegou a hora do cambio" na Xunta. E é que, como lembrou sen abandonar o ámbito da igualdade, o actual presidente, Alberto Núñez Feijóo, chegou a "incumprir" a lei que obriga a que o sexo menos representado no goberno non baixe do 40 por cento.
Rocío Martínez, de Xuventudes Socialistas de Camariñas (A Coruña), deu lectura a un decálogo de medidas que porá en marcha Méndez Romeu se chega a liderar o Executivo autonómico. Abarcan desde a creación dun Instituto da Muller ao deseño dun plan específico de emprego, medidas pensadas para as mulleres do rural e para aumentar as mulleres en consellos de administración e accións encamiñadas a dar maior protección ás vítimas de violencia de xénero.
Apoios de Leiceaga
Se o xoves o ex ministro Francisco Caamaño apoiaba a Méndez Romeu, a última hora do día era a plataforma galeguista En Positivo-Novo Proxecto Socialista Galego a que tamén expresaba o seu apoio a Xaquín Fernández Leiceaga polo seu "proxecto renovador" e a súa vocación de "construír un partido forte e plural".
Nun comunicado, este colectivo, do que figuran entre as súas cabezas visibles líderes locais como Martín Seco (Arteixo), Nicolás González Casares (Lalín) e Iván Vaqueiro (O Porriño) e outros militantes como o coruñés Pablo Arangüena, destacaba que tomou esta decisión tras escoitar os proxectos expostos polos dous candidatos ás primarias.
"Leiceaga é a persoa idónea para alcanzar ese obxectivo de renovación", recalcou esta plataforma, que tamén puxo o valor a "integración" xa selada con Gonzalo Caballero, o vigués que tratou de concorrer ao primarias pero non logrou o mínimo requirido de avais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.