Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/06/2016 | Actualizada ás 14:10
O novo líder do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e a presidenta da xestora socialista, Pilar Cancela, acaban de facerse co control do grupo parlamentario tras o nomeamento, este mércores, de Patricia Vilán, como nova voceira na Cámara. Unha decisión que se produce pola dimisión de José Luis Méndez Romeu, e a negativa dos seus deputados afín, preto de dez, a exercer a Portavocía do grupo.
Tras unha xuntanza que se prolongou por espazo de case dúas horas e na que non se pechou aínda quen sentará na permanente (a dirección) do grupo parlamentario. Con todo, Vilán estará rodeada doutros deputados afíns a ela e a Leiceaga e Cancela. Por iso, propuxo ao coruñés Emilio Vázquez como vicevoceiro primeiro e á ourensana Noela Blanco como vicevoceiro segunda. A cuarta deputada que apoiou ao novo candidato socialista, Concepción Burgo, manterá o seu posto na vicesecretaría da Mesa.
Deste xeito, os catro deputados que apoiaron a Leiceaga dos 18 que conforman o grupo socialista no Parlamento terán un cargo destacado, mentres que os que apoiaron firmemente a Méndez anunciaron que non estarán na permanente.
“É lóxico que quen gañou as primarias faga o seu equipo”, apunta un dirixente socialista consultado, que entende que unha persoa da total confianza de Leiceaga e Cancela se faga coa Portavocía. En todo caso, destaca que os deputados que tiveron importantes funcións na etapa de Méndez tampouco deben agora “retirarse”, senón “botar unha man no que sexa posible”.
O principal problema dos socialistas radica, precisamente, no pouco coñecemento que a nova vicevoceira ten entre a sociedade e, sobre todo, a falta de experiencia para lidiar con Núñez Feijóo nas sesións de control ao Goberno. En todo caso, as fontes consultadas destacan que “iso non é un problema”, porque “a experiencia cóllese rápido”. “Ademais só quedan cinco meses para os comicios”, indican.
“Unidade”
Ao termo do encontro entre a xestora e o grupo parlamentario, en declaracións aos xornalistas, Patricia Vilán agradeceu a "confianza" do partido nela e tamén destacou o labor do seu antecesor. Máis alá disto, dende o convencemento de que o grupo estará "rexido pola unidade", apelou ao resto de deputados a "non perder de vista" que o "obxectivo" do PSdeG é "gañar as eleccións" e que o seu "adversario" é o PP de Alberto Núñez Feijóo.
Ademais, deixou claro que ela seguirá sendo "a mesma parlamentaria que sentaba de última no hemiciclo". "E fareino diante (no escano de voceiro) igual que detrás, que é igual de ben que o resto dos meus compañeiros", resaltou.
Xunto a ela compareceu ante os medios a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, quen resaltou que Vilán é "unha muller tremendamente forte, capaz e cuns valores socialistas moi fortes". E se a pontevedresa pedira "discernir os procesos orgánicos" do labor institucional do partido no Pazo do Hórreo, Cancela relacionou a súa elección coa dimisión de Méndez e a posta a disposición da permanente do grupo e non coa identificación de "grupos" ou "correntes" determinadas dentro do PSdeG.
“Integración”
Así pois, aínda que considerou "bo" que se aprecie "certa identidade entre o candidato á Xunta" coa dirección do grupo parlamentario, co fin de "ser consecuentes" co resultado das primarias, asegurou que haberá integración na permanente.
De feito, Cancela referiu que "é a vontade" de Patricia Vilán que se forme "un equipo" de traballo que permita contar cun "grupo compacto" que "traballe duro nun mesmo sentido. "É o devir normal das cousas", resolveu, antes de resaltar que a aposta por unha muller para o cargo tamén garda relación coa "loita pola igualdade" que caracteriza o PSOE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.