Por E.P. | Vigo | 10/06/2016 | Actualizada ás 17:00
Dez días. Ese é o tempo que levan pechados varios profesionais sanitarios no hospital Meixoeiro de Vigo. Trátase dun encerro indefinido que non deixarán "ata que se vexan resultados" e o hospital vigués "abra ao cen por cen" e conte cunha unidade de coidados intensivos "sempre aberta".
O encerro foi organizado pola xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) e SOS Meixoeiro, e conta co apoio de diversos sindicatos e plataformas. Como representantes, dúas traballadoras explicaron este venres aos medios as denuncias dos traballadores, e volveron criticar que o Hospital Álvaro Cunqueiro abriu "con menos camas das prometidas" e que o Meixoeiro non está a "funcionar ao cen por cen" e se están a derivar pacientes e probas "á privada".
Tamén subliñaron que este verán "van quedar tres plantas enteiras pechadas" no Meixoeiro, co que, apuntaron, a xerencia do Chuvi quere substituír os traballadores que se vaian de vacacións co persoal das plantas pechadas.
No marco destas protestas, representantes dos traballadores reuníronse este venres coa deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla, quen cualificou a situación de "límite" e denunciou "unha improvisación absoluta" na xestión.
Solla criticou que unha planta do centro leva pechada "dende setembro do ano pasado" e hai "máis peches programados" para este verán; que se fan "traslados a hospitais privados cando hai medios públicos" suficientes, e que se deixou o Meixoeiro sen "reanimación e UCIs".
A deputada tamén aletou de que os traballadores están "desbordados" e sometidos a "situacións de estrés", que non están a recibir formación e que en esterilización "duplicaron traballo pero non aumentaron profesionais". Ademais, sostivo que hai traballadores e pacientes sufrindo "un amoreamento total" e "condicións infrahumanas".
RESPOSTA DO SERGAS
O Sergas respondeu a estas críticas e, en declaracións a Europa Press, insistiu en que o Meixoeiro "ten e terá un papel fundamental no Chuvi", o que avalou en que "duplicou" as cirurxías e actualmente realiza "dous terzos da actividade cirúrxica" da área viguesa.
A iso engadiu que este hospital é "un dos maiores centros especializados en cirurxía ambulatoria", e que proximamente contará con novas dotacións e "se"van acometer obras para mellorar a zona cirúrxica".
A maiores, recordou que estas instalacións "albergan alta tecnoloxía, como aceleradores lineais, resonancia magnética, esterilización", así como servizos "fundamentais e exclusivos" no complexo vigués.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.